Lugo celebra o XV Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade con actividades ata o 8 de decembro

Carmen Basadre presentou a programación, que inclúe unha viaxe no tempo, actuacións musicais, un desfile de tropas e lexións romanas, a solta de faroliños voadores, unha torta xigante e visitas guiadas á Muralla, entre outros

Martes, 24 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación do programa do XV Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes no Salón de Plenos as actividades organizadas polo Concello para conmemorar o XV Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, declaración que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000. A ampla e variada programación arrancará este sábado e prolongarase ata o 8 de decembro.

Carmen Basadre asegurou que “a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade contribuíu ao auxe do turismo en Lugo”. Neste senso, a Concelleira lembrou os datos turísticos rexistrados este ano na Oficina Municipal de Turismo, “o mellor ano turístico internacional e o mellor verán da historia da nosa cidade”.

A Concelleira fixo un chamamento á Xunta de Galicia, responsable do mantemento deste Ben Mundial, para que proceda á súa limpeza, “o noso sinal de identidade e un patrimonio único no Mundo”, tal e como o definiu Basadre, “posto que Lugo histórica e patrimonialmente é unha das cidades máis importantes de Galicia”.

Programación festiva

As actividades arrancarán este sábado, 28 de novembro, cunha viaxe no tempo, a partir das 11:30 e ata as 21:00 horas. Trátase dunha experiencia de realidade aumentada, que permitirá observar a Muralla e a súa contorna na etapa da súa construción e coa súa configuración orixinal. Este mesmo día, ás 19:00 horas terá lugar un concerto a cargo de Batital ao pé da Mosqueira. A actuación trasladarase á Casa do Saber en caso de choiva. Tras o concerto haberá un desfile de tropas e lexións romanas, ás 20:00 horas, no adarve da Mosqueira.

O domingo 29, ás 20:00 horas no adarve da Muralla, terá lugar unha solta de faroliños voadores, que se repartirán en todas as escaleiras de acceso á Muralla.

O luns día 30 de novembro, todos os lucenses e visitantes que queiran conmemorar o XV Aniversario da Muralla poderán degustar a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada na praza Anxo Fernández Gómez un anaco de torta xigante e solidaria, pois a ración soamente custará 20 céntimos, que serán destinados a unha asociación sen ánimo de lucro. Ás 20:00 horas, o Círculo das Artes acollerá un dobre concerto de jazz, onde actuarán Elisabet Raspall & Clara Luga e Carmen Souza&Theo Pascal.

Ao longo de toda esta semana e ata xoves, 8 centros educativos da cidade e máis de 360 alumnos de 5º, 6º e 1º da ESO visitarán a Muralla, cuxa historia será explicada polos arqueólogos municipais.

Do 4 ao 8 de decembro, na carpa de Anxo Fernández Gómez haberá un concurso de fotografía sobre o monumento bimilenario. A partir de marzo do 2016, no Centro de Interpretación da Muralla estarán dispoñibles postais sobre a recuperación e posta en valor das portas da Muralla de onte e de hoxe.

Durante esta fin de semana, a Taberna Daniel, restaurante Antas, Curruncho A Nosa Terra, Arrocería Os Cachivaches, a parrillada Porta Santiago, o restaurante Campos e o Mesón do Alberto ofrecerán menús con prezos especiais dedicados á Muralla.

Audio

  • Carmen Basade, durante a presentación do programa do XV Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade |Descargar mp3

Máis info

  • Programa do XV Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade |Descargar pdf

Multimedia

  • Presentación do programa do XV Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

Noticias relacionadas