Lugo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente agasallando plantas por vidro

Daniel Piñeiro, Argelio Fernández e Germán Fernández visitaron a carpa informativa que Concello e Ecovidrio teñen instalada, ao longo de hoxe, na Praza Maior de Lugo

Martes, 05 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente agasallando plantas por vidro

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández, e o xerente de Ecovidrio en Galicia e Asturias, Germán Fernández, visitaron este luns a carpa informativa que Concello e Ecovidrio teñen instalada, ao longo da xornada de hoxe, na Praza Maior de Lugo, para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. Trátase dunha actuación  de caracter simbólico que ten por obxetivo concienciar á cidadanía no correcto tratamento dos envases de vidro, premiando a todas aquelas persoas que se acheguen cos seus envases cunha planta de tempada.

Durante a visita, na que tamén participaron outras autoridades, Daniel Piñerio puxo de manifesto o compromiso do Goberno de Lugo co coidado do medio ambiente, coa mellora da calidade ambiental da cidadanía e co desenvolvemento sostible do municipio, así como o apoio a calquera proposta de mellora ambiental, e como non de reciclaxe. Nesta liña, lembrou os proxectos, financiados por fondos europeos, que está desenvolvendo o Concello, como o Lugo+Biodinámico, co que se creará un barrio multiecolóxico, ou o Muramiñae, da Muralla ao Miño,  financiado ao 80% con fondos FEDER, que impulsará a mobilidadade urbana sostible ao tempo que se pon en valor da zona do Carme, dende o punto de vista arqueolóxico e medioambiental.

Pola súa banda, Germán Fernández agradeceu a disposición e colaboración do Concello con todo tipo de iniciativas de concienciación sobre a reciclaxe do vidro, "un dos xestos máis fáciles que hai, que neste caso, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, se premia co agasallo dunha planta".

A estas felicitacións sumouse Argelio Fernández, quen subliñou que a reciclaxe pasa por unha educación, que hai que empezar dende a escola. Así mesmo, destacou que dende a Deputación, grazas a un convenio co Eixo Atlántico, traballan con 59 municipios de Lugo para detectar errores na recollida de lixo e reconducilos, de maneira que cada ano, a xestión do lixo sexa mellor para toda a provincia, incrementándose as porcentaxes de reciclaxe.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre o Día Mundial do Medio Ambiente | Descargar mp3

Noticias relacionadas