Lugo celebra, como cada 9 de maio, o Día de Europa

A Alcaldesa puxo voz, esta mañá, ao manifesto conmemorativo. Posteriormente, procedeuse ao izado da bandeira da UE, ao tempo que soaba o himno europeo

Pola tarde, o Vello Cárcere acollerá unha programación infantil, con diversos xogos e actividades para nenas e nenos, neste caso, de caracter divulgativo e de coñecemento do Muramiñae, estratexiada financiada ao 80% por fondos FEDER

Xoves, 09 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo celebra, como cada 9 de maio, o Día de Europa

O Concello de Lugo organizou este xoves, con motivo do Día de Europa, e como cada ano polo 9 de maio, unha programación de actividades divulgativas co fin de achegarlle á veciñanza a realidade europea e poñer en valor a pertenza á Unión Europea. Os actos, impulsados polo centro de información europea municipal, Europe Direct, arrincaron coa lectura dun manifesto conmemorativo a cargo da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acto no que participaron membros da Corporación municipal, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez. Posteriormente, procedeuse ao izado da bandeira da UE, ao tempo que soaba o himno europeo.

O manifesto, ao que puxo voz Lara Méndez, chama á protección da idea de Europa, unha Europa que protexa á súa cidadanía; que nos siga ofrecendo paz e seguridade e para que volva a garantir prosperidade económica, benestar social e sostibilidade ambiental. Así mesmo fai fincapé nos retos globais, como por exemplo o cambio climático, a erradicación da pobreza, a promoción do desenvolvemento sostible, a igualdade entre mulleres e homes, e na suma de forzas que ofrece a Unión Europea, co obxectivo de poñer ás persoas no centro. O documento tamén defensa unha Europa máis social, con creación de emprego, que loite contra a desigualdade, feminista, solidaria e verde.

"Dende o Concello, cremos nunha Europa plural e multicultural, aberta ao mundo, integradora e cohesionada; e vemos na Unión Europea un proxecto útil ao servizo da cidadanía. De feito, a día de hoxe non podemos entender un Lugo sen Europa, que contribuíu á mellora da calidade de vida da veciñanza, a través dos fondos achegados pola Unión Europea para, a través de distintos proxectos, recuperar espazos públicos para o seu uso público, implicarnos na formación, no impulso do emprego ou na difusión do noso patrimonio", subliñou Méndez.

No marco das actividades conmemorativas do Día de Europa, pola tarde, dende as 17:00 horas, o Vello Cárcere acollerá unha programación especialmente dedicada aos nenos e nenas de Lugo, con diversos xogos e actividades infantís, neste caso, de caracter divulgativo e de coñecemento da estratexia DUSI, denominada Muramiñae: da Muralla ao Miño, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Concretamente, os nenos e nenas poderán gozar co xogo da mariola, neste caso saltando nas liñas estratéxicas desta estratexia, así como un obradoiro de pintacaras e un taller de puzzles. Para este día, o Concello tamén convidou a Marco Topo, que agasallará o xogo Lugo Muramiñae aos cativos e cativas da festa.  Ás 18:30 horas, entregaranse os premios do Certame de debuxo, Descontaminación do Carme e ao longo da tarde haberá unha mesa informativa sobre o Día de Europa.

Audio

Noticias relacionadas