Lugo alza a súa voz para dicir NO á violencia machista, “a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres”

A Alcaldesa e membros da Corporación Municipal de todos os grupos políticos participaron nos actos conmemorativos que organizou o Concello ao longo desta mañá e tarde

Venres, 25 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo alza a súa voz para dicir NON  á violencia machista, “a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González, e membros da Corporación Municipal de todos os grupos políticos, participaron este venres na homenaxe ás vítimas de violencia de xénero que o Concello de Lugo organizou ao longo desta mañá e tarde. Entre os actos programados estaba a presentación do libro As miñas fillas devolvéronme a vida, unha historia real, cuxa autora é unha vítima de violencia machista, Inés Fernández, quen reproduce os seus propios pasos, que, xunto as súas fillas, viviron durante 28 anos unha dobre vida, a que mostraban á sociedade e a que vivían dentro do seu fogar. Trátase dun relato de situacións dramáticas impulsadas sempre polo maltrato físico e psicolóxico.

Ademais, a programación de actividades incluíu unha ofrenda floral, a lectura dun manifesto, a actuación musical de Ruth León, acompañada do guitarrista David Taboada e Adrián Vigo, así como a solta de globos dende o adarve da Muralla, un photocall, ou a prantación dunha árbore, entre outros. Aos actos tamén asistiron o Presidente e o Vicepresidente da Deputación, Darío Campos e Álvaro Santos, así como a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, e representantes do tecido social da cidade.

Ao comezo dos actos, a rexedora chamou á sociedade a traballar ao longo de todo o ano en visibilizar esta lacra social, que asasinou a 40 mulleres no que vai de ano e preto de 900 dende o 2003. A rexedora insistiu en que as administracións, e máis as que teñen competencia, teñen a obriga de paliar a violencia machista, a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Nesta liña, Méndez, quen pediu dotar de recursos e aplicar a Lei integral contra a violencia de xénero, lembrou os servizos que presta a Casa da Muller, “a primeira porta á que chaman moitas vítimas”, e o Pacto Cidadá por un Lugo libre de violencia de xénero, asinado o pasado ano 2015.

Así mesmo, amosou o agradecemento do Concello aos lucenses pola súa implicación cos actos para conmemorar o 25N, e a satisfacción coa resposta dos veciños e veciñas, o que significa que están “concienciados, comprometidos e con ganas de cambiar esta lacra que nos azota socialmente”.

Nesta ocasión, o manifesto foi lido por Tania Fente, árbitro asistente de segunda división B, quen convidou a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Así mesmo, o documento denunciaba os recortes que sufriron nos últimos catro anos os presupostos destinados a loitar contra a violencia de xénero e pedía a creación de Xulgados Especializados en Violencia de Xénero en todas as provincias.

Multimedia

  • Lugo alza a súa voz para dicir NON  á violencia machista, “a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres”
  • Lugo alza a súa voz para dicir NON  á violencia machista, “a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres”

Noticias relacionadas