Lugo acollerá un curso formativo gratuíto de ciberseguridade, o primeiro destas características que celebra a Fundación Telefónica en Galicia

Lara Méndez, Joan Cruz e Marta Menéndez anunciaron a apertura da inscrición para esta actividade dirixida á mocidade, con 25 prazas, que arrincará o 11 de decembro. Terá lugar no Edificio de Novas Tecnoloxías e durará 5 meses

A Alcaldesa fixo fincapé nos beneficios que traen consigo as sinerxias creadas entre as institucións públicas e empresas privadas para frear o desemprego xuvenil, e, como neste caso, dentro do mundo dixital, nicho de emprego

Todas as persoas interesadas en inscribirse deben facelo na páxina web de Fundación Telefónica, no apartado de empregabilidade, ou ben a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal

Martes, 17 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acollerá un curso formativo gratuíto de ciberseguridade, o primeiro destas características que celebra a Fundación Telefónica en Galicia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da Fundación Telefónica, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, anunciaron este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a apertura da inscrición para un curso gratuíto de ciberseguridade, impulsado por dita fundación coa colaboración do Concello. Trátase do primeiro curso destas características que celebra a Fundación Telefónica en Galicia.

No acto, no que tamén estivo presente a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, a rexedora fixo fincapé nos beneficios que traen consigo as sinerxias creadas entre as institucións públicas e empresas privadas para frear o desemprego xuvenil, e, como neste caso, dentro do mundo dixital, un auténtico nicho de emprego, pois estímase que ata o 2020 en España se creen neste eido 800.000 postos de emprego.

Nesta liña, Lara Méndez lembrou o compromiso do Concello coa creación de emprego, tanto con axudas directas á contratación, como fomentando o emprendemento ou facilitando formación en sectores e profesións de futuro. De feito, o Goberno de Lugo conseguiu nos meses de xullo e agosto máis dun millón de euros para catro proxectos de fomento de emprego, que beneficiarán a máis de 200 lucenses, como o obradoiro TIC Arqueolóxico, o Lugo Cóidate, Empregalia ou dous cursos AFDs; destinando nos dous anos de goberno ao fomento do emprego 3,6 millóns de euros, a pesar de que a administración local non ten competencias neste eido.

Este curso de ciberseguridade supón unha alternativa máis para o Edificio de Novas Tecnoloxías, no que o Concello ofrece, para o que queda de ano, 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas; facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, marketing ditixial, cracións de Apps ou retoque fotográfico.

Pola súa banda, Menéndez agradeceu o "cariño e cooperación do Concello" con esta iniciativa, que se enmarca dentro dos proxectos educativos, sociais e culturais que ofrece Telefónica nas comunidades onde está operando, a través da iniciativa Emprego Dixital.

Destinatarios, datas e inscricións
Tal e como explicou Joan Cruz, neste curso poderán participar mozos e mozas de Lugo de entre 18 e 35 anos, que terminaran os estudos da ESO, non sendo necesaria formación previa en novas tecnoloxías. O obxectivo é que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual.

Trátase dun itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real de empresas e o sistema educativo. Inclúe formación teórico-práctica, coa participación de expertos no sector, en temas como o hacking ético, técnicas de proteccións para infraestruturas, contramedidas, entre outras. A maiores, inclúe formación en habilidades para a empregabilidade, como desenvolvemento de intelixencai emocional, traballo en equipo ou como realizar unha entrevista de maneira efectiva.

O curso arrincará o 11 de decembro e terá lugar no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá, de 08:30 a 14:30 horas. Durará 5 meses, é dicir, ata maio, e como colofón á formación, as persoas participantes poderán presentar os seus proxectos ante as empresas tecnolóxicas máis punteiras da rexión: unha porta para o emprego.

Todas as persoas interesadas en inscribirse deben facelo na páxina web de Fundación Telefónica, no apartado de empregabilidade, ou ben a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o curso gratuíto de ciberseguridade | Descargar mp3

+Info

Noticias relacionadas