Lugo acollerá o próximo 19 de decembro o Campionato Galego de Marcha en Pista

Xoves, 17 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo colabora coa celebración do Campionato Galego de Marcha en Pista que se celebrará o 19 de decembro nas Pistas Gregorio Pérez. O evento está organizado pola Federación Galega de Atletismo. O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, animou aos atletas a participar neste evento.

O campionato estará aberto para todos aqueles atletas que o desexen e que se atopen en calquera das seguintes condicións:

- Atletas que teñan fichado durante a tempada actual (2009/10) por algún club galego.
- Atletas con ficha pola F.G.A. aínda que pertenzan a clubs doutras CCAA.
- Atletas non galegos ou estranxeiros convidados expresamente pola FGA que non reúnan ningunha das dúas anteriores condicións.

As inscricións estiveron abertas desde o pasado 5 de decembro vía online na páxina web da FGA www.atletismogalego.org ata onte. Inscribíronse un total de 50 persoas. Entre as participacións destacadas atópase a medallista olímpica María Vasco.

Os atletas deberán confirmar a súa participación ata 45 minutos antes do comezo da súa proba, segundo o horario sinalado. Unha vez concluído este prazo non se admitirá a participación do atleta.

Os tres primeiros atletas clasificados das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, junior, promesa, veteráns (maiores de 35 anos) e absolutos recibirán unha medalla conmemorativa do campionato, sendo de obrigatorio cumprimento acudir ao protocolo de premiacións.

Horario de distancias

11,45 benxamín
12,00 alevín
12,20 infantil cadete
12,45 xuvenil, junior, promesa, senior, veterano

Multimedia

Noticias relacionadas