Lugo acollerá o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial do 16 ao 18 de setembro, no que participarán máis de 50 expertos e profesionais

Esta primeira edición do evento será presencial e virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as potencias por streaming. Ademais, os días 19 e 20 de setembro celebrarase LugoExperience, que inclúe diferentes actividades de ocio na provincia

Martes, 04 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acollerá o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial do 16 ao 18 de setembro, no que participarán máis de 50 expertos e profesionais

A cidade de Lugo acollerá os días 16, 17 e 18 de septembro o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial, que contará coa participación de máis de 50 expertos e profesionais do sector. A alcaldesa, Lara Méndez, participou este martes na presentación do evento que tivo lugar na praza Pio XII, acto no que tamén interviron a Concelleira de Turismo e Cultura, Maite Ferreiro, a deputada de Turismo, Pilar García, e a delegada territorial en funcións da Xunta de Galicia, Marta Barreiro.

Esta primeira edición combinará o formato presencial, con conferencias no Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as charlas por streaming. Ademais, como extensión ao Congreso, os días 19 e 20 de setembro celebrarase a cita LugoExperience, que incluirá actividades culturais, gastronómicas, medio ambientais e de aventura, dirixidas aos asistentes e ao conxunto dos lucenses.

A rexedora apuntou que “é unha honra acoller en Lugo un evento destas características, durante varios días teremos a oportunidade de abordar a situación actual do sector, marcada pola crise da COVID-19, e debater sobre o turismo e a cultura como eixos do emprendemento local sostible. Para iso, contaremos cunha ampla representación de profesionais e expertos que aportarán a súa visión e experiencia, co fin de achegar solucións e ferramentas que contribúan a recuperar e reactivar a confianza entre emprendedores e turistas. Ademais, o feito de que as ponencias se poidan seguir por streaming de forma online, facilitará que o Congreso adquira unha dimensión nacional e internacional, o que supón un enorme escaparate para Lugo”.

Lara Méndez fixo fincapé na importancia de “potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos apostando, baseado na sostibilidade, máis amable e próximo ás persoas. É por iso que, especialmente nestes momentos de crise sanitaria global, debemos priorizar un turismo de calidade, menos masificado e capaz de satisfacer as demandas e intereses dos visitantes. Neste senso, o turismo experiencial é perfectamente compatible co modelo de cidade verde e accesible que impulsamos dende o Goberno municipal, na procura desa segunda gran transformación que experimentará Lugo”.

A alcaldesa situou Lugo como “referente” para o turismo de experiencias pola ampla oferta de actividades e atractivos turísticos que alberga o municipio. Neste senso mencionou entre outros os tres Patrimonios da Humanidade, a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a gastronomía lucense ou os grandes eventos de alcance internacional que se celebran na cidade de Lugo: o Arde Lucus, o San Froilán e o Caudal Fest.

Lara Méndez finalizou a súa intervención lembrando “o traballo que estamos a realizar para poñer en valor todos estes atractivos e recursos cos que contamos na cidade”, e puxo como exemplo “as actuacións de mellora do Camiño Primitivo que se levarán a cabo poñendo a vista no futuro e, especialmente no vindeiro Xacobeo 2021, enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae ou o proxecto para crear na zona do Carme o primeiro coliving artístico de carácter municipal de España, así como as diferentes iniciativas de dinamización cultural que temos en marcha, como os Tardeos, que están a ser un éxito”.

Pola súa parte, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo salientou a aposta decidida da Deputación de Lugo por converter a provincia nun destino multiexperiencial e intelixente. “Impulsamos a adhesión da institución provincial na Rede de Destinos de Turísticos Intelixentes e apoiamos a celebración deste congreso que acollerá o Pazo de San Marcos porque axudará á creación dun ecosistema colaborativo na provincia xuntando claves, ferramentas e innovacións para reinventar e dinamizar ao sector a través do turismo de experiencias”, subliñou.

García Porto sostivo que a idiosincrasia do territorio da provincia adquire na situación sanitaria actual unha maior relevancia pola preferencia dos viaxeiros polos destinos rurais e non masificados. Lembrou a campaña lanzada pola Deputación EN LUGO, SI coa que se apela aos valores e fortalezas da provincia como un lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para o lecer e as vacacións.

Ademais, a Deputada engadiu que este congreso “é unha oportunidade para que sumemos esforzos e ofrezamos experiencias sostibles, conectadas co entorno local e seguras. Debemos fomentar iniciativas que xeren riqueza no territorio para evitar a fuga de talentos e a despoboación do rural”. García Porto fixo fincapé en que as experiencias únicas son agora as protagonistas das viaxes e incidiu en que Lugo é unha provincia auténtica con recursos diversos para que os viaxeiros vivan momentos inesquecibles.

Ponencias e actividades complementarias

O I Congreso Nacional de Turismo Experiencial busca ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a través dun emprendemento sostible. Será, polo tanto, un punto de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e apaixados do turismo e a cultura en xeral.

Apoiándose no carácter experiencial do evento, ademais das ponencias, farase especial fincapé na realización de actividades complementarias a través de networking, workshops, visitas de campo e accións de dinamización cos asistentes. Deste xeito, celebraranse unhas Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo e, durante a fin de semana do 19 e 20 de setembro, celebrarase LugoExperience, que contemplará diferentes actividades culturais, gastronómicas, de aventura... para dar visibilidade ao comercio local.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o I Congreso Turismo Experiencial | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo acollerá o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial do 16 ao 18 de setembro, no que participarán máis de 50 expertos e profesionais

Noticias relacionadas