Lugo acollerá o 24 de agosto o final da 5ª etapa da Volta Ciclista a España 2016

“Trátase dunha oportunidade única para promover o noso patrimonio histórico e cultural posto que move máis de 20.000 espectadores de media por etapa”, afirmou a Alcaldesa, quen asistiu á presentación oficial do recorrido en Santiago

O Concello realizará un investimento de 90.000 euros para que Lugo sexa punto de chegada desta cita deportiva, un desembolso que suporá uns beneficios na cidade de ao redor dun millón de euros

Domingo, 10 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo acollerá o final da 5ª etapa da Volta Ciclista a España 2016 o 24 de agosto tras 170 quilómetros de recorrido, segundo anunciaron os propios organizadores desta proba deportiva na súa presentación oficial no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, á que asistiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. A rexedora destacou a oportunidade que supón para a cidade ser meta dunha etapa da 71ª edición desta cita deportiva. “Trátase dun acontecemento dun gran impacto promocional da cidade, con importantes beneficios económicos e cunha alta repercusión mediática e de recoñecemento público”, subliñou Méndez ao tempo que mostraba a súa satisfacción porque Lugo sexa meta desta competición deportiva, o momento de máxima audiencia en televisión, “o que poñerá o foco na nosa cidade e supoñerá unha proxección para o fomento do turismo co consecuente efecto na economía local”.

A Volta Ciclista, que arrancará o 20 de agosto en Ourense e que regresa a Lugo despois de 10 anos, move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa, concentrándose unhas 3.800 persoas na cidade de chegada, “unha oportunidade que non podemos deixar escapar para promover o noso patrimonio histórico e cultural”, afirmou a rexedora, quen fixo fincapé na labor de promoción dos medios de comunicación, que mostrarán a cidade de Lugo a uns 190 países dos cinco continentes.

“Acoller este acontecemento segue ademais a liña de traballo municipal para impulsar o turismo cultural, gastronómico e accesible como motor económico da cidade e a súa aposta polo deporte, en todas as súas modalidades e para todas as idades”, subliñou Lara Méndez.

Retorno económico da Volta

O Concello realizará un investimento de 90.000 euros para que Lugo sexa punto de chegada desta cita deportiva, un desembolso que suporá uns beneficios na cidade de ao redor dun millón de euros, segundo estimacións dos organizadores. Tal e como informou a rexedora, acoller ao pelotón ciclista ten un custe mínimo fronte ao retorno económico, pois por cada euro invertido, a cidade recibirá 12. “Calquera campaña de promoción de Lugo sería máis cara que recibir á Volta”, asegurou Méndez, posto que máis de 1.400 xornalistas transmiten esta carreira, 1.400 persoas que logo poderán exercer de embaixadores de Lugo nos seus lugares de procedencia como Alemaña, Arxentina, Australia, Basil, Camerún, Canadá ou Colombia, entre outros.

Outra repercusión

Segundo estimación dos organizadores, a páxina web oficial da Volta ten 3,7 millóns de visitantes únicos de todo o mundo. A proba conta con máis de 165.000 seguidores en Facebook e 175.000 en Twitter. Ademais, ao ser sede de etapa, Lugo terá presencia na Guía Turística da Volta, que se distribúe en máis de 30 canles a nivel internacional, o que garante a difusión da riqueza da cidade de Lugo.

Noticias relacionadas