Lugo acolle un reto solidario pola Muralla ao longo de 24 horas a favor de Somos Unidos Contra el Cáncer

Miguel Fernández e José Manuel Vázquez, acompañados dos dous atletas que disputarán este reto, presentaron o evento que terá luga ros días 17 e 18 de marzo. Finalizará coa proba do Corre con Nós

Todas as persoas que desexen acompañar a estes valentes, poden inscribirse o sábado, dende as 10:00 horas na Praza de Pío XII, cun prezo mínimo e simbólico dun euro por persoa, coa que recibirán unha pulseira solidaria

Mércores, 28 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle un reto solidario pola Muralla ao longo de 24 horas a favor de Somos Unidos Contra el Cáncer

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o presidente da asociación Somos Unidos Contra el Cáncer, José Manuel Vázquez, xunto cos atletas Óscar e Telo, presentaron este mércores, na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as actividades do evento 24 horas solidarias No Cancro todos SOMOS RESISTENTES, coas que colabora o Concello, que terán lugar o 17 e 18 de marzo.

Baixo o lema No Cancro todos SOMOS RESISTENTES, Óscar e Telo teñen previsto correr polo adarve da muralla durante 24 horas, co propósito de recadar fondos dunha maneira solidaria para a Asociación Somos Unidos contra o Cancro.

No acto, Miguel Fernández amosouse orgulloso pola celebración deste tipo de probas deportivas cun marcado carácter solidario na cidade, como coas que, non podía ser doutro xeito, colabora o Concello. Así mesmo, felicitou á Asociación Somos Unidos Contra el Cáncer pola importante labor social e de apoio para coas familias e doentes desta enfermidade, poñendo a súa disposición todo o que sexa posible para visualizar as actividades organizadas por este colectivo.

Pola súa banda, José Manuel Vázquez agradeceu o compromiso e a sensibilidade do Concello cos actos que o seu colectivo organiza sempre no municipio.

O reto

A saída da proba terá lugar na Praza de Pío XII ás 10:00 horas, onde paralelamente durante toda a xornada do sábado día 17 de marzo se instalará o avituallamento. Tamén haberá actuacións por parte de Dj´s e exposicións deportivas, entre outras actividades. A finalización deste reto coincidirá coa saída do Corre con Nós, pois os dous corredores, acostumados á consecución de retos de longa distancia, afirmaron que tras a finalización do seu desafío teñen pensado correr a mencionada carreira popular organizada polo Concello.

Todas aquelas persoas solidarias que desexen acompañar a estes valentes, poden adherirse a esta acción inscribíndose no lugar da saída, de forma individual ou por medio de clubs deportivos, cun prezo mínimo e simbólico dun euro por persoa, coa que recibirán unha pulseira solidaria.

Noticias relacionadas