Lugo acolle a tradicional ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

A Alcaldesa recibiu na Casa do Concello ao rexedor de Betanzos, o Delegado Oferente este ano

Domingo, 10 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle a tradicional ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada por membros da Corporación Municipal, recibiu este domingo na Casa do Concello ao rexedor de Betanzos, Ramón García Vázquez, que este ano foi o encargado de facer a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, como Delegado Oferente. O Alcalde betanceiro asinou como é costume no Libro de Ouro do Concello lucense, destacando que é unha honra “ter a oportunidade novamente de presentar a Ofrenda ao Santísimo na milenaria cidade de Lugo en representación das antigas capitais do reino de Galicia, co desexo dunha sociedade máis xusta e mellor”.

Ademais de Lugo e Betanzos, participaron outras cidades do Antigo Reino de Galicia, asistindo representantes de Ourense, Betanzos e Tui, das Deputacións Provinciais, autoridades galegas e tamén locais. Os actos estiveron acompañados pola música da agrupación Danza Gremial dos Xastres de Betanzos.

Despois da Ofrenda, que tivo lugar na Catedral de Lugo, realizouse a procesión polas rúas da cidade.

A Ofrenda vense realizando na cidade dende o ano 1669 por parte dos representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia. Este acto solemne realízase só en Lugo, aínda que cada ano é unha das cidades a encargada da ofrenda.

Noticias relacionadas