Lugo acolle os días 8 e 9 de novembro o IV Congreso Galego de Xestión Enerxética, co que colabora o Concello

O Congreso contará coa participación de empresas, investigadores universitarios e centros de investigación relacionados co sector da enerxía. O número de asistentes inscritos xa supera un cento, sendo o punto de referencia dos profesionais do sector

Os profesionais do sector da enerxía na comunidade autónoma, que desexen participar deben poñerse en contacto coa organización en xenergal2017@icoiig.es

Xoves, 02 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle os días 8 e 9 de novembro o IV Congreso Galego de Xestión Enerxética, co que colabora o Concello

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o Presidente da Deputación, Darío Campos, presentaron este xoves a IV edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética - Xenergal 2017, que se celebrará os vindeiros días 8 e 9 de novembro na Deputación, organizado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración do Concello e a Deputación. Na presentación tamén participaron o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o Director de Xenergal, Fernando Blanco.

Daniel Piñeiro amosou “o compromiso do Goberno de Lugo co aforro enerxético e coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro”. Como exemplo, lembrou que “o Concello adxudicou hai uns días as obras para a instalación dunha rede de biomasa en Frigsa, un proxecto por valor de 700.000 euros que consiste na implantación dun sistema non contaminante para a rede de calor da calefacción das instalacións de Frigsa, co fin de mellorar a eficiencia enerxética”.

Nesta liña o edil tamén subliñou as accións que o Concello acometerá a través do Lugo Smart City, financiado nun 80% con fondos FEDER, para avanzar en cidade intelixente e sostible, como a xestión de residuos sólidos urbanos a través de sensores de almacenamento conectados vía GPRs ou 3G nos colectores, a xestión do alumeado público no entorno urbano e rural, con regulación de fluxo lumínico a través de dispositivos de control, ou a xestión de eficiencia enerxética nas dependencias municipais da Casa Consistorial, Centro de Servizos Municipais, as piscinas municipais, o CEI-NODUS e o Centro Social Uxío Novoneyra.

O proxecto financiado con fondos europeos, Lugo+Biodinámico, que lidera o Concello, xunto coa Deputación, a USC e a Politécnica de Madrid, é outro dos proxectos que se desenvolven en Lugo co obxecto de realizar accións de desenvolvemento sostible que contribúan a frear o cambio climático, como o acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles, a construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, ou o deseño dun catálogo de solucións de deseño urbano para axudar a frear o cambio climático.

Darío Campos subliñou que “a nosa provincia acollerá a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso, que contará cun total de 36 relatorios aceptados, ao redor de cinco temas fundamentais como son as enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía”.

Na súa intervención, Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais na xestión da enerxía, cunhas competencias recoñecidas desde 1935”; pola súa banda Fernando Branco indicou que “a xestión da enerxía é unha necesidade no mundo da empresa e administración pública derivada da necesidade de diminuír as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro e de garantir a seguridade de todas as instalacións tanto en empresas como administracións públicas”.

Máis dun cento de inscritos

O Congreso articúlase nun total de trece mesas específicas, e contará coa participación de empresas, investigadores universitarios e centros de investigación relacionados co sector da enerxía. O número de asistentes inscritos xa supera un cento, sendo o punto de referencia dos profesionais do sector.

A relación de relatorios aceptados pódese consultar en http://xenergal.icoiig.es/ponencias-aceptadas/;sendo os autores pertencentes a empresas, grupos de investigación universitarios ou organismos públicos. A organización de Xenergal inclúe a celebración da V Xornada Eólica de Galicia e da segunda edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación.

Por parte da organización do mesmo deséxase convidar a asistir a todos os profesionais do sector da enerxía na comunidade autónoma, para o que deben poñerse en contacto coa organización do mesmo en xenergal2017@icoiig.es.

O congreso conta ademais co apoio de catorce institucións, entre as que se atopan colexios profesionais, clusters da enerxía xeotérmica e das enerxías renovables ou asociacións profesionais como a da construción de Lugo.

Noticias relacionadas