Lugo acolle esta fin de semana o Campionato de España de Pentatlón Moderno por idades

Martes, 22 de xuño de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, o Presidente da Federación Galega de Triatlón, Paco Villanueva, e o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, José Manuel Rozas, presentaron esta mañá na Casa do Concello o Campionato de España de Pentatlón Moderno por idades que terá lugar na cidade o vindeiro 26 de xuño.

O Concelleiro resaltou que "é unha proba moi atractiva, e non soamente para os que o practican senón para o público". Ademais, animou aos deportistas e aos seus acompañantes a disfrutar da celebración do Arde Lucus coa que coincide a competición.

Nesta última proba do Campionato de España participarán un total de 74 atletas de Asturias, Cantabria, Canarias, Cataluña e Galicia.

As probas comezarán ás 9.00 da mañá na piscina das Pedreiras, a partir das 10:30 horas os participantes loitarán na proba de esgrima no pavillón Universitario, a partir das 12.00 terá lugar na pista de atletismo Gregorio Pérez Rivera a proba de tiro das categorías menores.

Xa ás 15.30 horas, as pistas de atletismo acollerán a proba combinada de tiro e carreira.

A entrega de trofeos terá lugar ás 19:30 horas na residencia universitaria Abeiro.

 

Multimedia

Noticias relacionadas