Lugo acolle ata xullo unha colección inédita de 25 traxes tradicionais de garda das terras lucenses

A Alcaldesa e o Presidente da Deputación inauguraron esta mostra, que poderá visitarse na Capela de Santa María ata o 1 de xullo

Lara Méndez, quen tomou mán dalgunha vivencia persoal coa vestimenta tradicional galega,  puxo en valor os vínculos de Lugo co traxe tradicional galego, que se escenifican no San Froilán, e reivindicou a dignificación dunha xoia como é o traxe galego

Xoves, 05 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle ata xullo unha colección inédita de 25 traxes tradicionais de garda das terras lucenses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Presidente da Deputación, Darío Campos, inauguraron este xoves a primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo, vestimenta que recolleu o colectivo Traxandaina por toda a provincia, que acollerá a Capela de Santa María ata o 1 de xullo.

No acto, no que tamén estivo presente a Deputada de Cultura, Pilar Porto, e representantes de Traxandaina, Méndez subliñou a contribución que fai tanto a Deputación como Traxandaina con esta mostra para dar a coñecer e salvagardar unha parte da "nosa historia, da nosa cultura e das nosas tradicións", a través de algo tan característico como é a vestimenta. Nesta liña puxo en valor os vínculos de Lugo co traxe tradicional galego, que se escenifican no marco do San Froilán, concretamente no Domingo das Mozas. Para rematar, a Alcaldesa, quen tomou mán dalgunha vivencia persoal coa vestimenta tradicional e co folclore galego, reivindicou a promoción de dignificación dunha xoia como é o traxe galego, sinal de identidade de Galicia.

Nesta liña insitiu Darío Campos, que convidou "a todos os colectivos culturais da provincia a visitar esta colección única, xa que é a primeira vez que se realiza unha mostra destas características. Con esta exposición, contribuímos a dar coñecer a nosa cultura mediante as nosas vestimentas, afondamos nas nosas tradicións, e axudamos a difundir o traballo recompilado polos artesáns da provincia”.

Completan esta exposición actividades como unha xornada sobre a vestimenta e folclore da provincia (o 7 de abril), un obradoiro de confección de saias (os días 12, 13 e 19 de maio) e un calendario con visitas guiadas a cargo dos responsables da mostra, ao longo de abril, maio e xuño.

Os 25 traxes da colección eran os que usaban as mulleres do rural para lucir os días de feira, os domingos para ir á misa ou “domingar”, e que, como norma xeral, son as mellores prendas que usarían ao longo da súa vida. A mostra está composta por prendas orixinais e por reproducións que se complementan con pezas de ourivería compostelá.

Dentro da colección tamén se exhiben outras prendas como os mandís de mostra, aos que se lles adica un apartado especial, as mantelas ou lensas que cobren a saia; os refaixos bordardos a man, camisas de liño de corte rectos para aproveitar os anchos do tear e mantillos de gala, mandís de traballo, panos de peito de cabeza, toucas de pelo de cabra e mantóns de lá feitos no Val de San Lourenzo coas mesmas técnicas que as mantas maragatas.

Noticias relacionadas