Lugo acolle a 43ª edición do Festival de Música do Corpus o único festival de música barroca gratuíto para o público en Galicia

O primeiro concerto será o venres 22 de maio a cargo da Real Filharmonía de Galicia e o solista Pascual Martínez Forteza

Xoves, 30 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Carmen Basandre na presentación da programación

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, o representante  da Sociedade Filharmónica de Lugo, José Luis Díaz, e o Director do Centro Eucarístico Lucense, Jose Antonio Ferro Varela, presentaron a 43º  edición do Festival de Música Cidade de Lugo, Semana de Música do Corpus, que como cada ano traerá a destacados músicos clásicos.

Ademais nesta ocasión tamén se inclúe no programa o II Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo que se celebra entre o 5 e o 12 de xuño e que forma parte do ciclo europeo A música do peregrino .

O festival, decano dos festivais galegos de música clásica e barroca,  comeza o venres 22 de maio, e presenta un completo programa con actuacións de destacados músicos a nivel internacional ata o 10 de xuño. Un ano máis, os amantes da música, poderán asistir a concertos en diferentes espazos da cidade como son o Círculo das Artes, o Cemiterio Municipal de San Froilán, o Auditorio Gustavo Freire, a Casa do Saber, a Igrexa de Santa María e a Igrexa Santiago A Nova.

Carmen Basadre destacou que “ este ano hai un bo programa e o Concello fai un gran esforzo para manter este festival que ten moitos seguidores” ademais de que “o 30 de maio a música clásica sairá a rúa con diferentes actuacións e na Praza Maior haberá un concerto de piano”. Estas actuacións serán a cargo do alumnado do Conservatorio e das Escolas de música en horario de 11:00 a 20:00 horas.

Como en anos anteriores, a ampla oferta lírica está garantida pola calidade e prestixio dos cantantes que adornan o cartel do festival, cheo de grandes nomes como os de Ivo Pogorelich, Pascual Martinez Forteza, Borja Quiza, María Espada ou David Grimal, tal e como explicou Jose Luis Díaz. A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Programa

Venres 22 de maio  - Círculo das Artes - 20:30 h                        
Real Filharmonía de Galicia
Carlos Domínguez Nieto, director    
Pascual Martínez Forteza, clarinete
Debussy, Bautista, Copland e Haydn
                                        
Luns 25 de maio – Círculo das Artes - 20:30 h
María Espada, soprano
Orquestra Barroca Vespres d’Arnadí
Arias de Haendel para Anna Maria Strada del Pò

Mércores 27 de maio  -  Casa do Saber da USC -  20:30 h
Samuel Diz, guitarra clásica        
50 anos dun regreso: Bal y Gay e Rosita G. Ascot                                        

Venres 29 de maio - Círculo das Artes -  20:30 h                        
Ivo Pogorelich, piano                        
Liszt, Schumann, Brahms e Stravinsky                                 

Sábado 30 de maio  - Cemeterio de San Froilán -  18:00 h
Cuarteto Skirion

Sábado 30 de maio  - Capela de Santa María -  20:30 h
La Bellemont
Plaisir Sacré

Domingo 31 de maio -  Igrexa de Santiago A Nova  - 18:00 h
Grupo Vocal Sólo Voces
Banda Filharmónica de Lugo
Missa Brevis de Jacob de Haan
                    
Luns 1 de xuño - Círculo das Artes -  20:30 h
La Ritirata
Os tríos de corda de Boccherini

Martes 2 de xuño - Círculo das Artes -  20:30 h
Borja Quiza, barítono
Recital: ópera e zarzuela    

Venres 5 de xuño - Auditorio Gustavo Freire -  18:30 h
Corpus dos nenos
O Principiño
Alumnado de grao profesional do Conservatorio de Danza
Versión bailada do clásico O Principiño de Saint-Exupéry.

Mércores 10 de xuño - Círculo das Artes -  20:30 h
David Grimal, violín e dirección
Orquestra Sinfónica Gaos
Beethoven por Grimal

II Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo 

Unha das novidades desta 43º edición do Festival de Música do Corpus é a inclusión do II Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo organizado polo Centro Eucarístico Lucense e que se celebra entre os días 5 e 12 de xuño.

Esta segunda edición forma parte do ciclo europeo de Música do Peregrino  e pretende dar a coñecer o patrimonio cultural e musical eclesiástico. Os concertos de órgano celebraránse o 5 de xuño ás 20.30 na Catedral de Lugo a cargo de Lindy Rosborg. O seguinte concerto é o 8 de xuño ás 20.30 na Igrexa de Santiago A Nova con Stanislav Surin. Na Igrexa de San Pedro o día 11 de xuño ás 20.30 horas actuará Giulio Mercati no órgano e, finalmente, o 12 de xuño no órgano da Catedral de Lugo ás 20.30 actuará Stefan Kagl.

+ Info

  • Programación do 43º festival de Música do Corpus | Descargar pdf
  • Carmen Basandre na presentación da programación | Descargar mp3

Noticias relacionadas