López Orozco mantivo unha reunión cos hostaleiros de Lugo na que coñeceu as principias preocupacións do sector

Venres, 04 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Dentro de tres semanas volverán manter unha reunión para facer un seguimento destas medidas postas en marcha

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, informou que esta mañá mantivo unha reunión con membros da Asociación Provincial da Hostalería de Lugo, a petición dos mesmos, na que lle deron traslado das preocupacións dos empresarios deste sector. Os temas máis destacados tratados na xuntanza foron as licenzas de actividade, os ruídos, os roubos e a situación na Tinería.

Neste sentido, o Alcalde, que cualificou a reunión de positiva, informou que se lles explicou todas as medidas que se están facendo dende o Concello e que foron expostas tamén na Xunta Local de Seguridade. Así, sobre o tema da Tinería, unha das medidas adoptadas é o aumento da presencia policial nas horas diúrnas, xa que son nas que se concentran un maior número de persoas que supostamente exercen a prostitución. Ademais vaise vixiar que os locais exerzan a actividade para a que teñen aprobada a licenza e que non existan establecementos non autorizados que funcionen como hotel. Na reunión tamén se expuxo a preocupación polas dificultades legais para perseguir este tipo de situacións pero “vaise estudar poñer algún tipo de medida legal na nova Ordenanza Cívica para evitar este tipo de situacións”, segundo adiantou o Alcalde.

Así, en canto á preocupación polas licenzas de actividade, López Orozco deu a coñecer que “dende as próxima semana a Policía Local terá acceso directo ao tipo de licenzas de actividade que ten cada establecemento para poder comprobalo in situ”. Esta medida permitirá aplicar a normativa para que cumpran cos horario de peche predeterminados para cada actividade “o que permitirá que dende o Concello incidamos no cumprimento dos horarios aínda que só poidamos denunciar, xa que logo, é a Xunta quen toma as decisións sobre as denuncias”. Neste sentido, tamén avanzou que xa se está rematando de revisar a nova ordenanza sobre o ruído e “na que se intentan favorecer a convivencia entre os establecementos hostaleiros e o dereito ao descanso dos veciños”.

En canto ao tema dos roubos, o rexedor, salientou que existen pero tamén se levan a cabo detencións grazas á boa labor das forzas de seguridade e que se coordinarán os corpos de Policía Local e Nacional para unha maior eficacia.

López Orozco adiantou que a próxima reunión na que se fará un seguimento destas medidas celebrarase dentro de 3 semanas.

Multimedia

Noticias relacionadas