- Tema
* O orzamento para o ano 2010 ascende a 91.696.726 millóns de euros, contía que se verá incrementada cos fondos destinados polo Goberno a través do Plan E
* Un dos obxectivos dos orzamentos reside en manterse como o Concello de España que máis inviste en gasto social
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, entregáronlle hoxe aos membros da oposición o borrador de orzamentos para 2010 co obxectivo de consensualo e chegar a un acordo. O Alcalde de Lugo destacou “o carácter social dunhas contas para 2010 realistas, austeras, sensatas e equilibradas coa realidade”.
Así mesmo, López Orozco indicou que se trata dunhas contas froito da reflexión, da prudencia e da obxectividade “tendo en conta as necesidades da cidade e da cidadanía”.
O orzamento para o ano 2010 ascende a 91.696.726 millóns de euros, contía que se verá incrementada cos fondos destinados polo Goberno a través do Plan E á cidade e que este ano suman máis de 10 millóns de euros. Previsiblemente os orzamentos serán elevados ao pleno extraordinario do 28 de decembro. Previamente, manteranse 3 reunións cos grupos políticos para chegar a un acordo que permita a súa aprobación definitiva.
Colaboración entre as administracións
Así, o Concello de Lugo contará co apoio doutras administracións para levar a cabo os seus proxectos , tales como a finalización do Plan Paradai, o comezo do Auditorio, ou o convenio con fomento en relación co embelecemento de estradas, as entradas e saídas da cidade.
O ano Urban
Tanto o Alcalde como a Concelleira destacaron que será o ano do Plan Urban dotado con 5.847.000 euros, “unha aposta polo comercio e pola hostalería co obxectivo de revitalizar a economía do centro da cidade e que este crecemento redunde no desenvolvemento do resto de Lugo”.
Sonia Méndez referiuse a actuacións concretas como aquelas relacionadas co emprego e a formación ás que se destinan 180.000 euros. Así mesmo, destinaranse 610.000 euros á adquisición de edificacións, como un baixo no Cantiño. A rehabilitación do Cantiño, San Marcos e a piscina de Santa María recibirán un total de 2.090.000 euros.
O Plan Urban recolle ademais a primeira fase da rehabilitación do vello cárcere á que se destinan 2.500.000 euros, así como 350.000 euros a axudas directas ao comercio e hostalería aos que se sumarán os remanentes das axudas deste ano.
Non se paralizará ningunha das obras proxectadas
O capítulo 6 dos orzamentos, aquel que se refire a obras e investimentos, contará cun total de 11.907.400 euros o que permitirá levar a cabo importantes proxectos. Deste modo, explicaron, ao igual que acontece noutros municipios, Lugo non verá paralizada ningunha das obras proxectadas. Entre estas, o Goberno Local citou:
- A nova sede da Policía Local (1.488.400 euros)
- Expropiacións (1.500.000 euros)
- Infraestruturas (Sagrado Corazón, centro histórico, adecentamento e rexeneración de rúas) 950.000 euros
- Posta en marcha da nova potabilizadora (950.000 euros)
- Fogar do transeúnte (400.000 euros)
- Escolas rurais (300.000 euros)
- Alumeado público e rural (270.000 euros)
- Colexios (250.000 euros)
- Instalacións deportivas (250.000 euros)
- Zonas verdes (150.000 euros)
- Novas tecnoloxías (160.000 euros)
- Tráfico e seguridade viaria (60.000 euros)
- Mobiliario (59.000 euros)
O capítulo 7 ascenderá a 2.049.500 euros e irá destinado a subvencións, soterramento de liñas eléctricas, subvencións na zona rural, empresa de turismo, ongs e ACUNOR. Así, o total de investimento para 2010 ascende a 22.356.900 euros.
Aumento do gasto social
O Alcalde de Lugo subliñou o obxectivo do Concello de manterse como a cidade de España que máis recursos destina a gasto social. Neste sentido, o Goberno Local prevé abrir dúas novas garderías, o Centro de Convivencia da Piringalla e a nova Casa das Linguas. O orzamento inclúe ademais dotación para 4 garderías, 7 centros de convivencia e 2 casas das linguas.
Neste sentido, o Executivo que dirixe López Orozco reduce o gasto corrente total a pesar de que aumenta o gasto social. A finalidade, destacou Sonia Méndez, consiste en manter e mellorar os servizos que se lle ofrecen á cidadanía para mellorar a súa calidade de vida.
Así, na súa intervención referiuse a un aumento do 82% nos orzamentos para o servizo de axuda no fogar que contará cunha contía de 2.000.000 de euros. Aumentan un 67% e un 66% respectivamente as contías destinadas a programas sociais e emerxencia social (470.000 e 150.000 euros).
Ademais, destinaranse 424.000 euros para subvencións sociais e 868.000 euros para a xestión de centros de día e 150.000 euros para ociotecas.
Co obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar, o Concello de Lugo realizará un importante esforzo para ampliar as actividades extraescolares e continuar co programa de Escola Aberta. O Executivo local destinará a este fin 260.000 euros, un 65% máis que no exercicio anterior.
Promoción do emprego
A promoción do emprego é unha das prioridades da acción do Goberno Local, polo cal o Concello de Lugo destinará 775.000 euros do seu presuposto e levar a cabo políticas e promoción e incentivación do emprego. Desta contía, 269.242 serán axudas directas para persoas desempregadas en forma de becas de axuda para a formación, así como contratacións laborais da escola obradoiro “A memoria da cidade”, obradoiro escolas rurais e PILES.
Outros investimentos
O Concello de Lugo continuará a súa aposta pola educación cun investimento de 335.400 euros para a UNED, Rof Codina e para becas escolares. As accións culturais recibirán 2.222.000 euros mentres que o deporte contará cun orzamento de 2.653.000 euros para a mellora da infraestruturas e fomentar a práctica deportiva e a vida saudable.
Entre as partidas, destinaranse 2.013.000 euros ao fomento da utilización do transporte urbano e 211.000 para infraestruturas da zona rural; 1.264.594 euros para a e-administración e a alfabetización informática da cidadanía e 355.000 irán dedicados á xuventude. O turismo, peza fundamental no desenvolvemento da cidade recibirá unha contía de 916.000 euros nas contas de 2010 co obxectivo de que siga a medrar o número de visitantes.