Listado provisional de bolsas de educación: o Concello subvencionará material escolar a 399 alumnas e alumnos lugueses

A entidade local publicou as listas, que poden consultarse no taboleiro de edictos do Concello, na área de Educación, situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, e no 010

A entidade local recibiu 509 solicitudes para estas axudas, que activou de novo o Goberno de Lugo, outorgando por segundo ano consecutivo unha contía individual de 100 euros

Hai un prazo de 10 días naturais para as alegacións, dende hoxe, 18 de decembro ao 4 de xaneiro, que se deberán presentar na área de Educación. Posteriormente publicaranse as listas definitivas

Martes, 18 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello concede 399 bolsas para aquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil, unhas axudas que activou un ano máis o Goberno, outorgando, por segunda vez consecutiva, unha contía individual de 100 euros. Trátase dunha bolsas para as que a Concellería de Educación, que dirixe Manuel Núñez, destina 40.000 euros, coa finalidade de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio.

A entidade local publicou as listaxes provisionais, que se poden consultar no taboleiro de edictos das oficinas municipais e na área de educación, no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Tamén poderán consultar se a bolsa lles foi concedida a través do teléfono de atención cidadá 010.

O Concello recibiu 509 solicitudes para estas axudas, que consisten nun vale desconto por un importe de 100 euros con destino á compra de libros ou material escolar nas librerías da cidade. Nesta convocatoria foron aprobadadas de xeito provisional 399. Hai un prazo de 10 días naturais para as alegacións, dende hoxe, 18 de decembro ao 4 de xaneiro, que se deberán presentar na área de Educación. Posteriormente publicaranse as listas definitivas, e presentadas as certificacións, as persoas beneficiarias das axudas recibirán o seu vale canxeable por material educativo.

Noticias relacionadas