A liña 12 recupera o seu percorrido habitual co inicio do curso universitario

Rubén Arroxo: “a partir do 1 de setembro retomamos a normalidade para facilitar as conexións co campus de cara ao inicio do curso”

Durante os últimos meses, o bus adicado á liña 12 reforzou á liña 9 debido ao aumento de viaxes cara o polígono do Ceao

Xoves, 27 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A liña 12 recupera o seu percorrido habitual co inicio do curso universitario

O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou que, co inicio do curso universitario e a necesidade de comunicar de novo o campus co resto da cidade, a liña 12 volverá realizar o seu percorrido habitual. “Este bus dedicouse desde o mes de abril, durante a crise sanitaria, a reforzar a conexión entre a cidade e o polígono do ceao, debido á redución de cabida nos buses e ao aumento de demanda desta conexión”, lembrou Rubén Arroxo.

“En previsión do inicio do curso universitario, vólvese necesario retomar a conexión entre a cidade e o campus”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “a liña 12 volverá unirse ás liñas 1, 1A e 7 para realizar esta conexión moi utilizada tanto polo persoal como polas estudantes da universidade”.

O Tenente de Alcalde animou a todas as persoas que veñan estudar a Lugo “a facer a tarxeta cidadá para reducir o contacto entre o persoal e as usuarias do transporte público e reducir riscos ante os posibles rebrotes”.  Ademais, Arroxo lembrou que “o prezo do billete redúcese de 0,64€ a 0,45€, ou 0,19€ no caso dos transbordos”. “Estes prezos poden reducirse aínda máis no caso de ter dereito a algunha bonificación, como no caso das estudantes, que pagan só 0,31€ por billete”, declarou Rubén Arroxo.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario 101 na web do Concello e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, solicitando cita previa no 010 poderá retirarse a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€. 

Audio

Noticias relacionadas