A licitación a instalación de dúas casetas e dous caldeiros do polbo do San Froilán ata o ano 2019

As persoas interesadas poderán presentar propostas durante 30 días hábiles no Rexistro Xeral do Concello, finalizando o prazo o día 23 de agosto

Luns, 10 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este luns que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica a licitación para autorizar a instalación de dúas casetas e dous caldeiros do polbo durante as festas do San Froilán para os anos 2017, 2018 e 2019, correspondentes, en ambos casos, ao número 1 e 3. Faise tras resolver a autorización concedidos a Bruxa Consulting SL por falta de pagamento en prazo das taxes ofertas, así como tras a incautación da garantía definitiva (o 5% do importe anual ofertado). Así mesmo, a entidade local resérvase o dereito a esixir danos e prexuízos a Bruxa Consulting se a nova adxudicación quedase deserta ou se conseguise unha menor contía económica que a ofrecida por esta empresa para os tres anos aos que afecta a extinción.

Os prezos de saída para as casetas será de 18.772,79 euros para a número 1, e 16.627,33 euros para a 3. En canto aos caldeiros: 11.714,22 para o número 1 e 10.375,46 euros para o 3. Os prezos das casetas e caldeiros, que se instalarán na rúa Vila de Foz, establécense en función da proximidade ao recinto feiral. As dimensións máximas das casetas serán de 33x8,80 metros e dos caldeiros do polbo, de 11x4 metros.

Todas as persoas interesadas poderán presentar propostas durante 30 días hábiles no Rexistro Xeral do Concello, finalizando o prazo o día 23 de agosto. As instancias deberán ir acompañadas de dous sobres, un coa documentación administrativa e outro coa oferta económica.

Para este ano, a montaxe poderase iniciar o día 11 de setembro e comezar a actividade o 29, manténdose en funcionamento ata o día 1 de novembro.

Outras publicacións no BOP

Así mesmo, no BOP de hoxe tamén se publica o procedemento de licitación para o alleamento de 7 vehículos municipais desafectados do servizo público de transporte público e declarados efectos non utilizables, por un mínimo de 3.000 euros, e a explotación do servizo de cafetería no centro de convivencia Uxío Novoneyra.

O prazo máximo de duración do contrato da cafetería é de 2 anos. O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 150 euros mensuais, resultando finalmente o canon ofertado á alza polo adxudicatario na súa proposta económica.

O horario de apertura da cafetería será acorde co horario do centro de convivencia, e como mínimo de luns a venres das 08:30 a 14.00 horas e das 16:00 ás 21:00 horas. Dito horario poderá ser ampliado aos sábados pola mañá en horario de 09:30 horas ás 13:30 horas, sempre e cando as instalacións municipais permanezan abertas.

Para ambos casos o prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais.

Máis información no Perfil do Contratante, en www.lugo.gal.

Audio

  • Carmen Basadre sobre a instalación de dúas casetas e dous caldeiros do polbo | Descargar mp3

Noticias relacionadas