As licenzas urbanísticas concedidas hoxe en Xunta de Goberno propiciarán un investimento no municipio de 1 millón de euros

As actuacións máis destacadas son a ampliación dunha estación de servizo en San Cibrao e a readaptación dun edificio no Campo Castelo.

O executivo de Lara Méndez aprobou tamén a declaración de ruína técnica para un conxunto de catro vivendas na calzada das Gándaras e doutra na rúa San Xillao.

Mércores, 02 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As licenzas urbanísticas concedidas hoxe en Xunta de Goberno propiciarán un investimento no municipio de 1 millón de euros

A área de Sostibilidade Urbana daba traslado, esta mañá,á Xunta de Goberno Local dun total de8 licenzas para diferentes actuacións no termo municipal que, conxuntamente, alcanzan un investimento de 1.032.013 € euros.

As máis significativas son a ampliación da planta destinada a restaurante – cafetería nunha estación de servizo existente en San Cibrao e a readaptación dun edificio na praza do Campo Castelo.

O executivo validou, igualmente, o cambio de uso de 2 oficinas para apartamentos turísticos nun inmoble da rúa Conde e a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en San Fiz, así como a reforma doutra na rúa Ameneiro, a legalización das obras realizadas noutra da rúa Salmón, alén de dous parcelamentos en Adai e o Ceao.

Na orde do día da sesión de esta semana incluíuse, así mesmo, a declaración de ruína técnica para un conxunto de catro vivendas na calzada das Gándaras - correspondentes aos números 154, 160, 162 e 164 desta vía - e doutra edificación sita no número 21 da rúa San Xillao.

Námbolos dous casos, o Concello instou á propiedade destas construcións a presentar no prazo dun mes, a correspondente licenza de obra maior acompañada do proxecto técnico de demolición asinado polo técnico competente coa advertencia de que, en caso de incumprimento, a administración local procederá á súa execución forzosa mediante o procedemento de execución subsidiaria con cargo aos obrigados.

Dende a institución advírtese tamén que, en tanto non se proceda á demolición dos inmobles, as persoas titulares dos mesmos deberán manter neles as medidas de protección oportunas co fin de garantir a seguridade dos mesmos, dos edificios lindeiros e das e dos peóns que transiten pola zona, quedando, por tanto, habilitadas para executar as obras de apontoamento que resulten convintes.

Noticias relacionadas