“Las palabras las lleva el viento, esa foi a resposta da Xunta cando tratamos de avanzar a recepción do auditorio” explicou o edil de Infraestruturas

Alexandre Penas sinalou que “aínda hai flecos a respecto do cumprimento do convenio asinado entre o Concello e a Xunta para o equipamento do Auditorio e o sr. Balseiro bota balóns fora, cando é o concello quen agarda pola Xunta”

Entre outras cuestións o concello está agardando pola formación que debe recibir o persoal designado polo concello para facerse cargo do equipamento técnico do edificio e que estaba recollida no texto do convenio

Martes, 10 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O edil  de Infraestruturas, Alexandre Penas, saíu ao paso das declaracións do Delegado da Xunta explicando que “a pasada semana contactamos coa persoa que se nos designou dende a Xunta para avanzar nos tramites de traspaso do Auditorio e cando tratamos de concretar a data en que daría formación ao persoal designado polo Concello para facerse cargo da dotación técnica do edificio da que xa se falara con anterioridade quedamos atónitos”. “Las palabras las lleva el viento, esa foi a resposta da Xunta cando tratamos de avanzar a recepción do auditorio” explicou o edil de Infraestruturas.

O convenio asinado entre Xunta e Concello para a instalación do equipamento técnico do Auditorio recolle, entre os compromisos, o de que a empresa adxudicataria ofrecerá formación técnica a persoal designado polo concello. Dende o propio concello sinalouse que dende "xa no mes de abril, o Concello informou, a requerimento da Xunta, do nomes das persoas que recibirían a formación necesaria sobre o equipamento pero a día de hoxe seguimos agardando unha resposta concreta”. Para Alexandre Penas “tampouco está claro se a Xunta xa recibiu a instalación do equipamento ou aínda está en máns da empresa adxudicataria, e este é un problema da Xunta non do Concello”.

En canto á programación cultural Alexandre Penas agradeceulle ao Delegado da Xunta a súa preocupación e asegurou “a Área de Cultura do Concello está preparada para ofrecer unha programación cultural á altura do edificio que se vai recibir, no momento que se reciba” e convidou a Balseiro a xestionar “para o ben de Lugo a quen el se debe” partidas orzamentarias da Xunta que contribúan a mellorar a programación cultural da cidade.

Audio

  • O edil  de Infraestruturas, Alexandre Penas, sobre o Auditorio | Descargar mp3

Noticias relacionadas