Lara Méndez transforma o xardín de San Roque remodelando a área de xogos infantís que emulará un bosque de cabanas

O recinto disporá de elementos atractivos e accesibles para crianzas con diversidade funcional en prol dunha maior integración.

A rexedora destacou que “as iniciativas municipais na zona, xunto a peonalización da Mosqueira e a eliminación da pasarela peonil a Montero Ríos, suporán a transformación deste enclave tan singular e protexido da cidade”.

Mércores, 20 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez transforma o xardín de San Roque remodelando a área de xogos infantís que emulará un bosque de cabanas

Esta mañá comezaron os traballos de remodelación da área de xogos sita nos xardíns de San Roque. Un espazo que a alcaldesa de Lugo, pretende modernizar, mudando completamente a súa configuración e mellorando o mobiliario urbano que contén, que será “atractivo, versátil e integrador” xa que inclúe elementos novidosos, accesibles tamén para crianzas con diversidade funcional.

“Trátase de seguir avanzando no plan de renovación que iniciamos este mandato para acondicionar os parques infantís, actualizándoos, favorecendo a inclusión de todas e todos e propiciando a convivencia interxeracional nos espazos públicos. Actuamos agora neste enclave, aproveitando non só a peonalización da Mosqueira senón tamén que a contorna está a modificar por completo a súa configuración coa eliminación – que xa se está executando - da pasarela que comunica esta rúa con Montero Ríos e o Carril das Flores, gañando en seguridade e nunha mobilidade máis cómoda, alén dunha transformación estética moi positiva”, sinalou Lara Méndez.

Tanto a rexedora como o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaron esta mañá o inicio dos labores, cuantificados en 42.000 euros, que se realizan con cargo ás melloras do contrato de mantemento das áreas de xogo infantís da cidade.

“Tarefas coas que queremos que este pequeno parque se converta nun oasis de lecer para os e as pequenas, emulando un bosque de cabanas cheo de divertimentos que contará, entre outros, con bambán para bebés, casiñas de actividades con túnel, tobogán, elementos de escalada, balancíns e outras figuras estáticas con forma de cogomelos ou animais de cores moi vistosas”, explicou o edil.

Miguel Fernández engadiu, igualmente, que “toda a zona disporá de chan continuo de caucho - máis cómodo e seguro - e irá pechada cun valado de madeira. Todo completamente novo o que mellorará substancialmente no só a área de xogos senón a confortabilidade de todo o xardín”.

“Logo de arrincar hoxe a actuación, que terá un prazo de execución aproximado de un mes, procederemos a desenvolver melloras nas instalacións situadas na rúa Río Mandeo”, avanzou o concelleiro de Medio Ambiente.

Esta mesma semana a rexedora poñía a disposición da cidadanía outro recinto infantil, neste caso na Avenida das Américas, no que para a súa adecuación o Goberno local tivo en conta ás demandas e preferencias trasladadas pola veciñanza da zona.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a remodelación do Parque Infantil de San Roque | Descargar mp3

Noticias relacionadas