Lara Méndez supervisa as obras de mellora executadas polas brigadas do Muramiñae Rehabilita no parque Rosalía e o paseo fluvial do Miño

A rexedora mantivo un encontro cos beneficiarios deste programa municipal, co que se lle deu unha oportunidade laboral a 24 persoas de colectivos vulnerables

No Rosalía están a renovarse os 217 bancos, mentres que no Miño os traballos centráronse na mellora de toda a zona, onde se instalarán valos de seguridade

As obras, seleccionadas polos lucenses a través dun proceso de participación cidadá, continuarán na Milagrosa, Aquilino Iglesias, Río Ulla e O Castiñeiro

Xoves, 10 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa as obras de mellora executadas polas brigadas do Muramiñae Rehabilita no parque Rosalía e o paseo fluvial do Miño

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou as actuacións que están desenvolver os membros das brigadas do I Plan Socio-Laboral Muramiñae Rehabilita, o programa municipal a través do que o Concello ofreceu unha oportunidade laboral, ademáis de formación e capacitación a 27 persoas, 24 delas pertencentes a colectivos vulnerables, para desenvolver durante seis meses obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI.

A rexedora coñeceu de primeira man as actuacións que estas brigadas están a levar a cabo no entorno do parque Rosalía de Castro e no paseo fluvial do Miño, e que contemplan, entre outros, traballos de xardinería e arranxos medioambientais, albanelería, pavimentación e reparación de mobiliario. Concretamente, no parque Rosalía renováronse os 217 bancos cos que conta este espazo público, mentres que no Miño os labores centráronse en melloras en toda a zona, na que proximamente se instalarán, ademais, valados de seguridade.

Unha vez rematados os traballos na zona do parque de Rosalía e o paseo fluvial do Miño, as brigadas continuarán a desenvolver melloras no barrio da Milagrosa, o entorno de Aquilino Iglesias, Río Ulla e O Castiñeiro.

Todas estas actuacións son froito do proceso de participación cidadá que o Goberno de Lara Méndez puxo en marcha para que fosen os propios veciños e veciñas dos barrios enmarcads na zona DUSI quenes propuxeran as obras a realizar. Neste punto, cómpre subliñar que os traballos que non se poidan materializar dentro do Plan Muramiñae Rehabilita por ser obras de maior envergadura, teranse en conta para futuras actuacións do Concello.

O Plan Muramiñae Rehabilita está integrado no programa DUSI Muramiñae, unha estratexia europea posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez, financiada polo Concello de Lugo ao 20% e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión europea  ao 80%, e que busca conectar o río Miño coa cidade de Lugo.

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa as obras de mellora executadas polas brigadas do Muramiñae Rehabilita no parque Rosalía e o paseo fluvial do Miño

Noticias relacionadas