Lara Méndez supervisa o inicio da peonalización da Calzada da Ponte, que porá en valor o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX

A Alcaldesa de Lugo sinalou “que é unha ambiciosa actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago”.

A intervención inclúe o soterramento dos servizos aéreos, a reparación da rede de saneamento, a creación de zonas de descanso con parklets urbanos e iluminación pública.

Melloraranse os pasos inferiores existentes, que se rexenerarán visualmente e dotaranse de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero.

A obra permitirá, segundo a rexedora,  “avanzar no noso obxectivo de que Lugo deixe de vivir de costas ao Miño, contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río”.

Martes, 03 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o inicio da peonalización da Calzada da Ponte, que porá en valor o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio das obras de peonalización e humanización da Calzada da Ponte, “unha ambiciosa actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago, unha das zonas máis fermosas da cidade e de maior riqueza patrimonial e histórica xa que coincide na súa totalidade co Camiño Primitivo e parte da Vía Romana XIX”, sostivo.

A obra, que durará doce meses, “nos permitirá avanzar no noso obxectivo de que Lugo deixe de vivir de costas ao bastión dun envexable patrimonio natural como é o Miño, contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río e incrementando a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial”, sinalou.

O ámbito de actuación, de 640 metros de lonxitude, vese afectado polas áreas de protección da Ponte Vella, as Termas Romanas do Balneario, o Camiño de Santiago e a Vía Romana, polo que foron necesarios os informes e permisos de Patrimonio da Xunta e da Confederación Hidrográfica “o que alargou no tempo máis do que nós desexabamos esta actuación”, indicou a rexedora.

A intervención abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario, aínda que non se chegará ata as termas porque Patrimonio da Xunta de Galicia non o autorizou.

Coa peonalización reducirase o paso de vehículos por este itinerario, reducindo os niveis de contaminación medioambiental e acústico, que axudará á posta en valor desta riqueza patrimonial e mellora da calidade de vida da veciñanza, “senón porque é unha zona onde de paso de numerosos peregrinos e turistas que visitan a nosa cidade”.

A alcaldesa sinalou, así mesmo, que o estacionamento dos residentes está garantido porque tamén se deixan prazas para as vivendas que non dispoñen de garaxe e, polo tanto, de vao.

Obras a realizar

A alcaldesa de Lugo lembrou as obras que se levarán a cabo e que gardan relación, fundamentalmente con seis tipos de actuacións:

  • O soterramento daqueles servizos que estean aéreos: iluminación pública, telefonía, baixa tensión.
  • A reparación da rede de saneamento existente, que se atopa en mal estado e presenta diversas fugas e roturas.
  • A demolición de pavimentos na totalidade do ámbito de actuación, que serán substituídos por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.

En canto a estes pavimentos, definíronse tres tipos diferentes, acordes ao ámbito de aplicación. Así, figura un composto por laxas de pedra de granito silvestre gris ou branco, seleccionado, que se usará en toda a rúa. Outro a base de pedra de granito Rosa Porriño, seleccionado, que se instalará entre a Rúa Santiago e Paso Inferior da Rolda do Carme, para definir as zonas de aparcadoiro para residentes. E un terceiro, de aglomerado asfáltico, para o Ramal de Incorporación desde Calzada da Ponte ao Hostal San Lázaro, no que se repón o firme existente, que se atopa en mal estado.

A mellora dos 2 pasos inferiores existentes (en Ronda do Carme e na N-VI) – cunha grande complexidade técnica – que se rexenerarán visualmente para darlle un aspecto máis respectuoso ao ser Camiño Primitivo, ademais de proceder a dotalos de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero.

Unha actuación na que a rexedora explicou que se estudou especialmente a mellora da accesibilidade, de maneira que se disporá dun itinerario adaptado á entrada desde a Rúa Santiago e, dado que a pendente media da rúa Calzada da Ponte é moi elevada, realizarase unha actuación de substitución do pavimento actual.

Lara Méndez informou, alén, de que se repararán diversas escaleiras de acceso á Calzada da Ponte, en especial as que conectan o lado sur de Rolda do Carme con Calzada da Ponte, xa que ao estar realizadas en lastro, son causa de filtración de augas de escorrentía aos edificios adxacentes; cambiaranse as varandas peonís que se atopan na parte superior da Rúa Santiago polo modelo da Rolda da Muralla - para harmonizar o conxunto - e instalarase unha escaleira peonil que conecte o barrio de San Lázaro coa Calzada da Ponte, ademais de substituír a que hai actualmente na área de descanso do camiño de acceso ao Balneario que se atopa moi deteriorada.

A alcaldesa de Lugo fixo especial fincapé na humanización de todo o percorrido con zonas axardinadas e mobiliario urbano respectuoso coa entorna patrimonial protexida.

Xa na zona a rexenerar da Rúa Santiago, Méndez anunciou que se colocará un parklet urbano, con xardineiras e bancos de granito, incluíndo respaldo e asento en madeira tratada; ademais, instalaranse dous aparcabicis de aceiro galvanizado para 12 prazas e papeleiras.

A obra está enmarcada na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER. A estratexia DUSI do Concello, Muramiñae, da Muralla ao Miño, ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste.

Os traballos, foron adxudicados por importe de 1.371.748 euros á empresa Ovisa Pavimentos y Obras, S.L.U., terán un prazo máximo de execución de 12 meses.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o inicio da peonalización da Calzada da Ponte | Descargar mp3

Noticias relacionadas