Lara Méndez supervisa o inicio da instalación da estrutura flotante de baño pública no Miño, que dá resposta a unha demanda histórica

A alcaldesa de Lugo seguiu ‘in situ’ os labores que se executan para a creación de catro piscinas no leito do río, co obxectivo de que estean habilitadas este mes.

A rexedora explicou que o proxecto “permitirá un maior aproveitamento dos nosos recursos, en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio”.

A actuación contempla, ademais, a humanización da zona coa dotación de equipamentos para mellorar a estancia dos usuarios, así como a mellora dos parques infantís.

Instalarase un tótem de salvamento, conectado 24 horas con Protección Civil, que axudará e complementará o traballo de vixianza do servizo dos socorristas.

Mércores, 08 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o inicio da instalación da estrutura flotante de baño pública no Miño, que dá resposta a unha demanda histórica

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, supervisou este mércores o inicio dos traballos de instalación da nova estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, que se destinará a zona de baño pública no río Miño, á altura da Tolda de Castela, en pleno cinturón verde da capital.

A rexedora lembrou que “a estrutura, baseada nun sistema modular, será apta tanto para o baño e disfrute de adultos como tamén dos nenos e nenas, e estará operativa durante os meses de verán”. Neste senso, a alcaldesa explicou que “a previsión é que os traballos de acondicionamento da zona, que comezaron hoxe, se prolonguen durante unhas tres semanas, de modo que a nova dotación poida estar habilitada e lista para usarse de cara a finais de mes”.

“Co acondicionamento deste novo espazo, damos resposta a unha demanda histórica cidadá e tamén a un compromiso político que adquirín coa veciñanza, habilitando unha zona de baño pública respectuosa coa contorna –pois ocasionará a mínima afección á natureza, sen alterar a marxe do río, nin danar a fauna e flora existentes e mantendo as debidas condicións de seguridade–”, explicou.

A rexedora lembrou que “o proxecto da plataforma de baño pública nos permitirá levar a cabo un maior aproveitamento dos nosos recursos, sempre en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio ambiente. Queremos deixar de vivir de costas ao Miño, así o estamos a demostrar con todas as actuacións que recolle a estratexia Muramiñae - a peonalización da Calzada da Ponte, a creación das Caldas, a Pasarela sobre a Nacional VI e mesmo a ampliación e acondicionamento do paso soterrado, a recuperación do Carme ou a senda verde ciclista”, sostivo Lara Méndez.

Cómpre subliñar que, ademais dos pantaláns, a zona verase complementada co equipamento necesario para crear un espazo de esparcemento que dé servizo aos usuarios e permita unha maior confortibilidade, en especial ás familias. Así, instalaranse aseos e vestiarios; 15 mesas de con bancos incorporados para facilitar a estancia da veciñanza, así como tumbonas.

Ademais, haberá un tótem de salvamento, conectado 24 horas con Protección Civil, así como diferente material de salvamento acuático (aros salvavidas, emisoras portátiles, etc.), que complementará ao servizo dos socorristas.

Co mesmo obxectivo de crear un área polivalente, o Concello acaba de renovar as dúas áreas de xogos infantís que se sitúan neste entorno, moi próximas á praia fluvial, nas que se  respectou tamén o coidado medioambiental deste importante patrimonio natural.

Características da estrutura flotante

A dotación estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas. Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias.

E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con profundidades útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado.

As piscinas disporán de fondo, conformado igualmente por cubos flotantes ensamblados e unidos á estrutura superior mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

O conxunto flotante irá amarrado mediante cadeas metálicas a mortos náuticos, confeccionados en formigón, de maneira que impida movementos en función de ondadas ou imprevistos. Así mesmo, na súa cabeceira ou acceso a terra amarrarase mediante cadeas metálicas. Deste xeito a estrutura terá nula capacidade de movemento, sendo moi sinxelo adecuala a posibles subidas ou baixadas de caudal e por tanto de nivel.

Ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade.

A actuación, cofinanciada pola Deputación Provincial, terá un custo de 304.920 euros.

Audio

 

Noticias relacionadas