Lara Méndez supervisa o comezo das obras de cobertura e renovación do parque de Augas Férreas, que aumentará un terzo a súa superficie

A alcaldesa e o edil de Medio Ambiente visitaron este xoves as instalacións que serán melloradas cun investimento municipal superior aos 166.000 euros.

Lara Méndez: “Trátase dun parque moi empregado polos residentes do barrio e de toda a contorna como espazo de ocio e de lecer para os nenos e nenas”.

Os traballos inclúen tarefas de acondicionamento, xunto coa instalación dun novo rocódromo, un pórtico triplo, e dunha estrutura que protexerá a área de xogos.

Xoves, 04 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o comezo das obras de cobertura e renovación do parque de Augas Férreas, que aumentará un terzo a súa superficie

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, supervisou este xoves o inicio das obras de cobertura e renovación do parque infantil de Augas Férreas, para as que o executivo municipal destina 166.400 euros. Os traballos inclúen tarefas de acondicionamento das actuais dotacións, a colocación dunha gran estrutura que cubrirá e protexerá a área de xogos, así como a instalación dun novo rocódromo e un pórtico triplo, co que se aumentará nun terzo a superficie do parque.

Lara Méndez subliñou que “con esta actuación seguimos mellorando os espazos públicos de convivencia e socialización da cidade, ofrecendo unhas dotacións de calidade e modernas para uso e disfrute da veciñanza e, neste caso concreto, dos nenos e nenas. Cómpre subliñar que este parque é moi empregado polos residentes do barrio e de toda a contorna como espazo de ocio e de lecer”.

Pola súa parte, Álvaro Santos lembrou que “con esta intervención, o goberno local leva investidos máis de 600.000 euros nos parques infantís do municipio durante os últimos dous anos, dentro da nosa aposta por un modelo de cidade aberta, verde e sostible”.

As obras, que contarán cun prazo de execución de catro meses e medio, contemplan tres tipos de actuacións principais. Por un lado, levaranse a cabo tarefas de acondicionamento que inclúen:

  • A retirada e substitución do pavimento e céspede artificial existente, para a colocación dun novo pavimento de caucho amortiguante na totalidade da área de xogos.
  • Traballos de posta a punto en xogos existentes incluíndo o lixado, saneamento e vernizado das pezas de madeira; lixado e esmaltado con tratamento antioxidante dos elementos metálicos, incluíndo repasos de  tornillería, ancoraxes, etcétera.
  • A retirada e recolocación do valado de aceiro inoxidable, así como a retirada do bordo perimetral para consecución dunha única cota e reparación da superficie afectada.
  • E, por último, a recolocación e reordenación dos xogos existentes, tendo en conta que se procederá a instalación de dous novos elementos lúdicos.

Así, esta actuación tamén contempla a ampliación do parque coa:

  • Instalación dun novo xogo infantil de escalada ao aire libre (rocódromo) para  nenos de 5 a 8 anos, dunha altura total máxima de 3 metros e cunha área de seguridade máxima de 52 m2.
  • E a instalación dun novo pórtico triplo, composto por un asento niño e dous asentos planos, dos cales un será inclusivo e o outro para bebés, e todo iso cunha área de seguridade que ocupa unha superficie  máxima de 19 m2.

Por último, os traballos incluirán a cubrición do parque infantil, mediante a colocación dunha estrutura con pórticos de aceiro e a base de placas de policarbonato translúcidas. A altura libre baixo a nova cuberta será dun mínimo de 2,51 metros na fachada suroeste e dun máximo de 5,29 metros na fachada noroeste, quedando accesibles a totalidade das fachadas ao non proxectarse cerramentos.

A superficie final habilitada como área de xogos será de case 400 m2 (396.88 m2), dos cales 236 m2 coinciden coa área existente e 160 m2 coa ampliación. O parque contará cun perímetro en forma de “L” que resulta da agregación de dous rectángulos de dimensións 13.11 x 18.05 metros e 6.42 x 24.97 metros, coincidentes coas áreas existente e ampliación respectivamente.

Deste xeito, este será o terceiro parque infantil cuberto da cidade, xunto aos do Pazo de Feiras e a praza Agro do Rolo, o que permitirá ás familias lucenses utilizalos durante todo o ano contribuíndo, ao mesmo tempo, ao seu mantemento e conservación pola protección que supón fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

Noticias relacionadas