Lara Méndez supervisa o avance das obras do centro social interxeracional da Piringalla, que finalizará en abril do 2021

A alcaldesa destacou o valor do proxecto, pensando para actividades para todas as idades ao incluír unha bebeteca, unha área infantil e xuvenil e espazos para os adultos

A execución pon fin a una débeda de anos coa veciñanza “e ampliará os equipamentos sociais e de convivencia que tan necesarios son para os nosos barrios”, sostivo a rexedora

Mércores, 29 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o avance das obras do centro social interxeracional da Piringalla, que finalizará en abril do 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo edil de Urbanismo, Miguel Couto, supervisou as obras do centro social Paco Martín, ubicado no barrio da Piringalla, que avanzan a bo ritmo. O Goberno local espera que a execución do novo equipamento para este barrio poida finalizar no mes de abril do 2021 para a súa posterior entrada en funcionamento.

“Coa posta en marcha deste edificio aumentamos a rede de equipamentos sociais para atender ás demandas da poboación, xerando novos espazos máis próximos ao cidadán para a socialización da veciñanza e para desenvolver actividades para todas as idades, neste caso nunha área moi poboada do norte da cidade como é a Piringalla”, declarou Lara Méndez, lembrando que o prazo de execución é de 18 meses. O orzamento da obra supera os 800.000 euros.

A execución deste inmoble porá fin a unha débeda coa veciñanza da zona, xa que o inmoble, que comezou a construírse no ano 2010, sufriu un parón porque necesitou dun reformado e estivo inmerso nun proceso xudicial por incumprimento do contratista, que foi resolto a favor do Concello no ano 2018. A obra detívose cando se detectaron irregularidades no levantamento da estrutura ao non corresponderse coas especificacións descritas no proxecto inicial e comprobarse que non ofrecía a seguridade adecuada.

Foi necesario, ademais, realizar cambios no proxecto para adaptalo aos novos usos do edificio, que naceu co fin de acoller só unha biblioteca pero que o Goberno local ampliou para dar resposta ás novas necesidades do barrio, pero que tamén necesitou de modificacións para adaptalo as novas aliñacións marcadas polo PXOM.

A rexedora destacou a importancia deste centro, que “axuda á convivencia da cidadanía”, xa que están contemplado un espazo para os máis pequenos, cunha bebeteca para nenos e nenas de 0 a 6 anos; unha zona infantil e xuvenil e un área para adultos. Ademais, contará con salas de lectura e con zonas multiusos.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Centro Sociocultural Paco Martín da Piringalla | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa o avance das obras do centro social interxeracional da Piringalla, que finalizará en abril do 2021

Noticias relacionadas