Lara Méndez supervisa o avance das obras de construción do novo edificio de servicios sociais interxeracional de Lamas de Prado

Actualmente, xa se levou a cabo a cimentación; forxado do chan, da planta baixa e da primeira planta; así como o levantado da estrutura de madeira e do oco do ascensor.

A alcaldesa explicou que “as obras, que comezaron a finais do mes de abril, continúan a bo ritmo e na actualidade xa se executou preto do 35% do proxecto”.

O novo equipamento prestará servizo a uns 20.000 lucenses dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias.

Martes, 28 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o avance das obras de construción do novo edificio de servicios sociais interxeracional de Lamas de Prado

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Benestar, Olga López, e do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou este martes o avance das obras de construción do novo centro interxeracional e polivalente de Servizos Sociais que o executivo municipal está a executar na rúa do Poeta Aquilino Iglesia Alvariño, na zona de Lamas de Prado, cun investimento de 1.230.265 euros.

A rexedora explicou que “as obras, que comezaron a finais do mes de abril, continúan a bo ritmo e na actualidade xa se levou a cabo o acondicionamento do terreo, as cimentacións, forxado do chan, da planta baixa e da primeira planta; así como o levantado da estrutura de madeira e do oco do ascensor, o que supón un porcentaxe de execución da obra aproximado dun 35%”.

“No vindeiro mes quedará finalizada a estrutura e procederase cos seguintes traballos que abraguen: a realización da  subestructura de fachadas e da galería metálica na fachada principal; tabiquería interior en planta soto; execución de illamentos; instalación da cuberta e impermeabilización da mesma”, subliñou Lara Méndez.

Cómpre lembrar que a obra conta cun período de execución de 12 meses, polo que a previsión é que poida estar rematada na primavera do vindeiro ano.

O novo equipamento prestará servizo a uns 20.000 lucenses dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias. Será un centro de atención do persoal de Servizos Sociais para os colectivos vulnerables, pero ao mesmo tempo terá unha serie de espazos polivalente para que poidan ser usados para actividades de toda a cidadanía. Ademais, como lembrou a rexedora “o edificio contribuirá á revitalización da zona, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética”.

Por outra banda, será un edificio de consumo enerxético case cero, empregando a madeira como principal elemento estrutural, e disporá dunha zona verde ao seu redor. Na súa construcción téñense en conta criterios medio ambientais e de sustentabilidade, dentro da aposta por un novo modelo de urbanismo sostible que impulsa o executivo municipal, principalmente a través do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

Así mesmo, no deseño tivéronse en conta criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior.

Este proxecto está enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión

Destinarase a realizar distintas funcións: asesoramento e axudas sociais, formación e cursos, así como actividades recreativas ou de ocio tales como baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera. Contará, ademais, cunha distribución flexible para desenvolver actividades para os maiores, os mozos e os máis cativos e para facilitar a conciliación.

Distribución do espazo

Zona Espazos Servidores (Planta Soto):

Esta zona albergará os aseos, que dan servizo aos espazos principais da Planta Baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral. Tanto o cuarto de instalacións como o almacén comunican directamente cun distribuidor interior dotado dun elevador mixto (persoas-cargas). Esta característica facilita a carga e descarga de material e equipos xa que se trata dun elevador de dobre embarque que permite o acceso directo do material a beirarrúa.

Zona Recreativa / Formativa (Planta Baixa):

A planta baixa terá unha distribución flexible, é dicir, empregarase tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores aos usos e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. Nesta planta situarase o vestíbulo principal, unha zona de información e conserxería, así como unha zona polivalente que se poderá utilizar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, sala de lectura, sala de xogos, sala de ximnasia ou de baile.  

Así mesmo, a planta baixa incorporará na fachada oeste unha apertura que permitirá “invertir” o sentido de funcionamento da zona expositiva do centro, e crear un espazo público no que sexa posible desenvolver actuacións exteriores, gozando da comodidade e medios que achegan a utilización do escenario e instalacións do centro. Os laterais da planta baixa contarán, así mesmo, con grandes ventanais para permitir a relación co espazo exterior e introducir a maior cantidade posible de luz nas estancias.

Zona Traballo Social (Planta Primeira):

A planta superior organízase en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio. Albergará a zona de traballo social e contará con: unha zona de información, 7 despachos, dúas zonas de espera, un arquivo e aseos.

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa o avance das obras de construción do novo edificio de servicios sociais interxeracional de Lamas de Prado
  • Lara Méndez supervisa o avance das obras de construción do novo edificio de servicios sociais interxeracional de Lamas de Prado

Noticias relacionadas