Lara Méndez solicita unha reunión coa conselleira de Educación para clarificar os termos do inicio do curso escolar

A alcaldesa de Lugo enviu hoxe unha carta a Carmen Pomar para abordar, do xeito máis inmediato, as condicións nas que o estudantado lucense regresará ás aulas tendo en conta a evolución da pandemia na cidade e as novas restricións
 
A rexedora resaltou a contradición dos ratios que limitan o aforo a 30 persoas nun auditorio ou teatro pero permiten a convivencia de 25 alumnos por aula, sendo estas de menor tamaño

Luns, 31 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez solicita unha reunión coa conselleira de Educación para clarificar os termos do inicio do curso escolar

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de solicitar esta mañá unha reunión coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, para abordar os termos nos que terá lugar a volta ás aulas.

A rexedora manifestaba hoxe a súa preocupación ante o escenario que a pandemia debuxa a nivel local, logo da aparición dun gromo de coronavirus que obrigou á imposición de medidas moi restritivas na cidade, especialmente no barrio da Milagrosa e na Piringalla, onde se atopan varias escolas infantís e centros de ensino público e concertado de diversos niveis académicos e onde residen ao redor de 35.000 persoas.

“Ante a propagación do covid na capital queremos clarificar coa titular de Educación de que maneira o incremento dos contaxios pode condicionar o inicio do curso. Cunha única esixencia: garantir a seguridade no comezo das clases tanto para o alumnado como para a súas familias”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa sinalou que “entre as últimas medidas impostas para deter a expansión do COVID-19, se establece, por exemplo, que en espazos pechados como cinemas ou teatros, ou mesmo en eventos deportivos que non sexan ao aire libre, o aforo máximo permitido debe ser de 30 persoas. Porén, fronte a estas limitacións, as novas que chegan desde Educación marcan un cociente por aula de 25 alumnos/as, cando os espazos das clases son infinitamente máis reducidos que os dun auditorio o que resulta un tanto contraditorio”.

A rexedora subliñou,  á súa vez, que “o Concello de Lugo mantén tendida a man á administración autonómica en todo aquelo que poida precisar, cunha colaboración permanente e leal amparada no único obxectivo de superar a pandemia e salvagadar a saúde das nosas veciñas e veciños,  para o que tamén solicita do goberno galego a achega de toda a información concernente á pegada da crise sanitaria.

“Trátase de velar, de forma conxunta, pola protección da poboación, como así o esixen as circunstancias algo que, dende o Concello vimos facendo, dende todos os eidos posibles, dende o mes de marzo. Mais, para iso, resulta imprescindible coñecer e ter actualizados todos os datos ao respecto, co fin de saber cara onde temos que dirixir os esforzos municipais e en qué medida é necesario incrementar os recursos dos que dispoñemos para efectivizar cuestións tan importantes como a vixilancia da Policía Local ou o incremento dos dispositivos de limpeza e desifección da cidade, especialmente nas zonas máis afectadas polo coronavirus”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reunión coa conselleira de Educación, Carmen Pomar | Descargar mp3

Noticias relacionadas