Lara Méndez: “Se Feijóo houbera cumprido os seus compromisos con Lugo tería presentado o seu balance xunto as obras e non nun café”

A alcadesa de Lugo lembra que xa Orozco pediu amparo a Fraga, en 2004, para rematar cos atrasos que acumulaba o Auditorio cando Núñez Feijóo era conselleiro

A rexedora destacou como único aspecto positivo da visita do presidente a rectificación subliminar para que o Cuartel de San Fernando sexa a sede do Museo da Romanización 

Mércores, 11 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Se Feijóo houbera cumprido os seus compromisos con Lugo tería presentado o seu balance xunto as obras e non nun café”

“Se Feijóo houbera cumprido os seus compromisos con Lugo, onte tería presentado o seu balance xunto as obras que anunciou e non nun café”.

Así de categórica se amosaba esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a súa comparecencia para poñer en evidencia “o balance ficticio e alonxado da realidade que onte trasladou o presidente da Xunta de Galicia, durante a súa estancia na capital nun café ao que convidou a diversos colectivos”.

“E dígoo con tristeza e preocupación porque merecemos un presidente de Galicia que cumpra coa palabra dada á veciñanza e que pague a débeda, xa histórica, cos e coas lucenses; porque levamos máis dunha década vendo como os orzamentos autonómicos recollen para esta cidade, exercicio tras exercicio, os mesmos proxectos debido a que non se executan”.

A rexedora botou man da hemeroteca para aclarar todos e cada un dos logros que onte Núñez Feijoo atribuía á súa xestión nos últimos anos ao fronte do goberno galego.

Lara Méndez iniciou o seu relato lembrando que “foi precisamente López Orozco quen en 2004 apelaba a Fraga para que actuase como valedor do Auditorio”, momento no que a rexedora citou literalmente un artigo xornalístico dese ano no que o ex alcalde lle pedía al conselleiro Núñez Feijóo “que non buscase máis desculpas para atrasar o encargo do proxecto para esta dotación cultural”, referiu Méndez.

“Debera saber o señor Feijóo, que dende o Concello de Lugo levamos 10 meses tendendo a man á Xunta para avanzar na recepción deste edificio, que tivemos que forzar unha reunión da Comisión de Seguimento, que a Consellería convocou en novembro, e que hai só dúas semanas que deixaron entrar aos nosos técnicos a inspeccionar o edificio para poder presentar os informes preceptivos e garantir que o inmoble está en perfecto estado logo de 4 anos pechado, 4 anos que foi o tempo que a Xunta tardou en instalar os equipamentos que pagamos todos e todas as lucenses”.

“Porén, que non puidesen realizar unhas xornadas de portas abertas o pasado sábado, como pretendían, sen que o edificio estivese aínda recibido e, polo tanto, sen cumprir con todas as garantías de seguridade, non o impediu este Concello, nin esta alcaldesa, foi a Xunta Electoral, porque tamén o PP debe acatar a lei”.

“O que ocorre – subliñou a alcaldesa – é que aquelo no que a Xunta non foi capaz de avanzar nestes 10 meses, seguramente porque entón non estaban convocadas as eleccións, pretenden apuralo agora en campaña, pasando por riba das máis estritas medidas de protección, da inspección das instalacións e incluso da folla de ruta fixada por ámbalas dúas institucións”.

Toda unha lista de incumprimentos: nin unha soa residencia de maiores en 42 anos, nin asomo do AVE ou do Plan Paradai.

Lara Méndez, ademais de gabar ao fundador de Inditex polo seu compromiso e os investimentos realizados en Lugo, contrapuxo as fábulas vertidas polo presidente galego.

“Presume Feijóo dos investimentos desenvolvidos en Lugo nos últimos 4 anos, entre eles a creación de 1.000 prazas públicas de gardería na nosa cidade, unha competencia da Xunta mais a realidade é que a oferta de prazas en escolas infantís é de medio millar, repartidas en 7 escolas infantís públicas, 4 municipais, 2 da Xunta e a única que se creou neste tempo, foi costeada por Amancio Ortega, en chan do Concello e mantida entrámbalas dúas administracións”.

“Felicitábase igualmente Feijoo polo HULA, por ter Hemodinámica e Radioterapia, pero esquécese da loita pola Hemodinámica 24 horas, que deixou moitas vidas no camiño mentres necesitou de 45.000 sinaturas dos e das lucenses e de moitas manifestacións de miles persoas para converterse nunha realidade, e olvídase tamén de que se temos Radioterapia é porque a financiou Amancio Ortega, o mesmo que ocorrerá co xeriátrico que está previsto construír no barrio da Residencia”.

“En Lugo, a Xunta de Galicia, a quen pertence esta competencia, leva 42 anos sen crear ningunha residencia de maiores. Agora será Amancio Ortega quen o faga, con 12 millóns de euros. Pero que non se preocupe o Sr. Feijóo que o Concello axilizará a licencia en canto teña o proxecto, como fixemos sempre, incluso ampliando os prazos das mesmas para que non caducasen cando as obras do Centro Integral de Saúde levaban atraso na execución”.

“Por certo, alardeaba Feijóo das obras que fixo nas instalacións das Gándaras, pero non di que foron necesarias porque detectouse lexionela e que non supuxeron ampliación de prazas. E se falamos de vivenda pública, das 80 situadas na Tinería, estas adquiríronse e rehabilitáronse na súa maioría polo bipartito tal e como se pode constrastar a través do Portal de Contratación da Xunta”.

Lara Méndez puxo en dúbida, asemade, a defensa que Núñez Feijóo di estar a facer do Ave e da Intermodal. “Compromisos que deixaron no caixón en canto Mariano Rajoy chegou á presidencia do Estado e que conseguimos de novo impulsar co Goberno de Pedro Sánchez. Nada sabemos tampouco da súa promesa do ano 2009 de que a Xunta costearía o AVE a Lugo”.

20 anos de paralización do Plan Paradai e nigún avance na culminación da Rolda Leste, que se ía licitar a comezos deste ano, son outros dos debes que a alcaldesa engadiu a lista de agravios da Xunta para con Lugo.

Sen embargo, antes de rematar a rolda de prensa, a rexedora fixo alusión ao único aspecto positivo do café de Feijóo: “a medio rectificación ao seu delegado territorial que deixa entrever o respecto que o señor Balseiro non ten, ao Museo da Romanización de Galicia para que a súa sede sexa no edificio comprometido, o Cuartel de San Fernando, como así é o desexo de toda a sociedade lucense”.

“Se é así, ten a nosa total dispoñibilidade para sentarse a reconducir este tema, porque supoño que se a Xunta aporta case 700.000 euros para rehabilitar un BIC da igrexa, ben pode investir nun ben BIC de todos e todas as lucenses”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas