Lara Méndez: “A rúa do Esquecemento será un emblema da nova peonalización coa axuda da mocidade que participa na transformación”

A alcaldesa de Lugo visitou onte a fase final das obras da rúa, unha das primeiras nas que se instalarán os parklets e que se está a embelecer coa cor da arte urbana do Urban Cores.

As zonas previstas para os murais, que se executan neste programa de formación para a mocidade vulnerable, se amplían ao resto da rúa tras ceder a veciñanza máis espazos.

A rexedora sostén que estas actuacións nas que participan toda a sociedade son “o camiño a seguir para xerar  áreas diferentes de esparexemento e de conexión social”.

Xoves, 17 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A rúa do Esquecemento será un emblema da nova peonalización coa axuda da mocidade que participa na transformación”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou onte a fase final das obras de peonalización da Rúa do Esquecemento, que se está a transformar cun novo modelo de espazos públicos e que a rexedora quere que sexa “un emblema de como podemos cambiar e gañar zonas para a cidadanía co fin de embelecer a cidade e xerar áreas diferentes de esparexemento e de conexión social para o conxunto da veciñanza”.

Cando termine a actuación urbanística, esta rúa escura e sen saída se converterá nunha zona peonil pavimentada con formigón impreso con estética de madeira e acollerá un dos primeiros parklet que se están a instalar na cidade (xa se colocou outro no canil das Estantigas), que son novidosas estruturas de descanso que inclúen vexetación. “Unha solución que se está a utilizar en moitas capitais europeas e coa que melloramos a calidade da paisaxe urbana, ao tempo que ofrecemos novos espazos de socialización e ampliamos as zonas verdes”, sostivo a rexedora.

Pero ademais, a transformación da rúa vén tamén da man da mocidade que está a participar no primeiro programa Urban Cores, posto en marcha polas concellerías de Xuventude e Inclusión, a cargo dos edís Mauricio Repetto e Olga López, e que está destinado ao embelecemento da cidade pero plantexado como un recurso lúdico-formativo dirixido á xuventude máis vulnerable.

A rúa do Esquecemento foi un dos lugares elixidos para programar actividades e talleres de graffiti nos que os mozos e mozas participan nas obras e comparten experiencias cos artistas invitados, unha representación das e dos artistas máis puxantes de Lugo e Galicia.

O éxito foi tal que a veciñanza comezou a ceder máis paredes das súas propiedade na mesma rúa para que se amplíen os muros nos que inicialmente estaba previsto actuar. “A rúa será un espazo cheo de creacións artísticas e de cor case na súa totalidade”, comentou Lara Méndez, que lle agradeceu aos mozos participantes a súa colaboración e a veciñanza a súa xenerosidade.

A rexedora lembrou que a peonalización desta rúa foi solicitada no proceso de participación cidadá posto en marcha co Plan Muramiñae Rehabilita, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a peonalización da Rúa do Esquecemento | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez: “A rúa do Esquecemento será un emblema da nova peonalización coa axuda da mocidade que participa na transformación”

Noticias relacionadas