Lara Méndez reúnese cos primeiros emprendedores de Lugo nacidos na pandemia e formados no CEI Nodus, co V Inicia Coworking

Por primeira vez, o Concello poñerá en contacto aos emprendedores con inversores privados, pois participarán na xornada Demo Day que se celebrará o vindeiro martes,  na que se presentarán os diferentes proxectos participantes
 
En total, 22 lucenses están a recibir formación online e gratuíta grazas a esta iniciativa, do Concello e a EOI e cofinanciada polo Fondo Social Europeo
 
Os participantes desta nova edición pudieron coñecerse en persoa por primeira vez este venres, pois as clases e titorías están a desenvolverse en liña, debido á situación de crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19

Venres, 10 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese cos primeiros emprendedores de Lugo nacidos na pandemia e formados no CEI Nodus, co V Inicia Coworking

A alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, reuníronse este venres cos primeiros emprendedores nacidos en plena pandemia e formados a través do CEI Nodus. Trátase dos 22 lucesnes que están a participar no V Inicia Coworking. Esta é a primeira edición do programa, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI)  e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se realiza de xeito telemático debido á crise do coronavirus.

Os emprendedores, que iniciaron a formación online e gratuíta a comezos de abril, puideron coñecerse por primeira vez en persoa hoxe, nas instalacións do Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello. Alí compartiron impresións coa rexedora e o edil, quenes aproveitaron a ocasión para animalos a seguir formándose co obxectivo de desenvolver un proxecto exitoso, ao tempo que lembraron que máis de 100 emprendedores e emprendedoras pasaron xa por estas 5 edicións do programa permitindo a posta en marcha de máis de 60 proxectos.

Lara Méndez subliñou que “sen dúbida é de agradecer ese paso adiante que dan estes emprendedores ante o momento de incertidume que estamos a vivir e, polo tanto, nós estamos tremendamente satisfeitos do éxito desta quinta edición do Coworking. Estes emprendedores teñen máis mérito se cabe por facelo nunhas condicións de gran dificultade”.

O vindeiro martes, 14 de xullo, celebrarase a xornada Demo Day, durante a cal se presentarán de forma online os proxectos desenvoltos nesta edición do Coworking. Como novidade, nesta ocasión participarán inversores privados, que poderán coñecer de primeira man os proxectos a través das súas presentacións, interesarse por eles e mesmo achegar financiamento privado aos mesmos.

En total, 22 proxectos de diferentes sectores empresariais foron seleccionados para participar nesta nova edición do programa, dos cales o 50% corresponden a mulleres e o 50% a homes. Como novidade e, debido á situación de alerta sanitaria provocada pola COVID-19, a formación semanal e as titorías estanse a realizar ‘en liña’, seguindo un modelo de ensinanza e-learning, a través da plataforma da EOI “Blackboart Collaborate”.

Formación gratuíta para o lanzamento empresarial

O programa Inicia Coworking diríxese a emprendedoras e emprendedores lucenses que contan cunha idea de negocio e desexan realizar un proxecto viable para poñer en marcha as súas propias empresas, ou ben, mellorar a competitividade das mesmas, ofrecéndolles asesoramento individualizado e totalmente de balde.

Consta de 60 horas lectivas, durante as cales se forma aos participantes en ámbitos como a metodoloxía Lean-Canvas, o desenvolvemento e a validación do modelo de negocio, o plan comercial e as técnicas de venda, a oratoria, ou o plan de marketing dixital, entre outros aspectos. Ademais, contan con titorías personalizadas que lles axudan a materializar a súa idea de negocio.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo Lara Méndez, sobre o Encontro de Emprendedores do Inicia Coworking| Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez reúnese cos primeiros emprendedores de Lugo nacidos na pandemia e formados no CEI Nodus, co V Inicia Coworking

Noticias relacionadas