Lara Méndez reúnese con veciños na súa visita as obras do fibrocemento en Marqués de Ombreiro, que renovará 35 acometidas

O executivo municipal investiu preto de 90.000 euros nestes traballos que permitirán mellorar a calidade da subministración nesta zona da cidade.

A rexedora mantivo un encontro cos residentes para atender as súas solicitudes e agradeceu a comprensión polas molestias mentres non rematan as obras.

Lara Méndez: “Entendemos as incomodidades que poden atopar no seu día a día, posto que nesta rúa conflúen estes traballos cos do carril bici”.

Domingo, 12 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese con veciños na súa visita as obras do fibrocemento en Marqués de Ombreiro, que renovará 35 acometidas

A alcaldesa, Lara Méndez, supervisou as obras de renovación do fibrocemento que o executivo municipal está a executar na Avenida Marqués de Ombreiro cun investimento de 87.719 euros. En total, segundo apuntou a rexedora, “a intervención afectará a 35 acometidas existentes na marxe dereita desta vía, o que permitirá modernizar este servizo, mellorando a calidade da subministración, ao tempo que apostamos por infraestruturas máis sostibles e eficientes”.

Durante a visita ás obras, Lara Mández mantivo un encontro con veciños desta avenida, aos que agradeceu a súa comprensión polas molestias ocasionadas en tanto non rematan os traballos, ao tempo que atendeu as súas solicitudes. “Pedímoslles paciencia aos residentes e entendemos as incomodidades que poden atopar no seu día a día, posto que nesta rúa conflúen estes traballos cos do carril bici, porén agardamos que nas vindeiras datas poidan rematar co que melloraremos as prestacións desta vía”.

Plan de 1’2M para erradicar o fibrocemento

Esta intervención enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros.

As actuacións terán como finalidade a substitución das tubaxes actuais por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras, co obxectivo de pular pola sostibilidade, mellorando os servizos públicos, de forma especial naquelas zonas nas que as avarías na traída son frecuentes e teñen a súa orixe, precisamente, en seren as conducións de fibrocemento.

Noticias relacionadas