Lara Méndez reúnese coas responsables de ADIF e Xunta este luns para avanzar no convenio da Intermodal

A rexedora insiste en que “Lugo necesita progresar no acordo para non quedar descolgada na modernización destas infraestruturas, que avanzan en toda Galicia”

A última reunión para abordar o estudo do convenio estaba prevista para febreiro, pero quedou posposta a petición do Goberno galego pola precampaña electoral

Sábado, 26 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese coas responsables de ADIF e Xunta este luns para avanzar no convenio da Intermodal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, manterá este luns unha reunión coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, co fin de avanzar no convenio para a construción da estación Intermodal de Lugo, actuación que executan entre as tres administracións. Tamén estará presente o edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e persoal técnico.

A rexedora lucense confía en que nesta nova reunión se poidan dar pasos en firme para pechar canto antes o convenio, no que se establecerán as responsabilidades de cada unha das administracións e os recursos de financiamento que aportará cada unha.

“Lugo necesita que se avance neste acordo para que a cidade no se quede descolgada das intermodais de Galicia, tendo en conta o déficit de comunicacións que xa sufrimos e a importancia desta infraestrutura para mellorar a mobilidade non só do municipio senón de toda a súa área de influencia”, sostén Lara Méndez, que lembra, ademais, que se leva moito tempo traballando nos proxectos e na parte técnica das novas estacións de autobuses e de ferrocarril, así como no da súa urbanización.

Para o convenio pendente de asinar existe unha proposta inicial á que as tres Administracións aportaron xa as súas propostas, “polo que debemos sentarnos agora e abordar os avances só pensando no ben da veciñanza lucense, que esixe, máis ca nunca, esa colaboración entre administracións”, incide a alcaldesa.

Con esta reunión se retoma o estudo do convenio. A última proposta de xuntanza foi realizada por ADIF para finais de febreiro, pero non se celebrou a petición da Xunta co fin de que non se mesturase coa precampaña electoral autonómica. Mentres tanto, si se foron celebrando reunións técnicas, con boa sintonía entre administracións.

Noticias relacionadas