Lara Méndez remite un escrito á conselleira de Medio Ambiente coas indicacións técnicas que recolle un informe municipal para axilizar a entrega do Auditorio

A rexedora lamenta que Ángeles Vázquez Mejuto non contestase aínda a outras dúas cartas enviadas en xuño, data na que anunciou a pronta entrega da instalación cultural ao Concello de Lugo

O informe municipal incide en que houbo modificacións do deseño inicial que obrigan á Xunta a presentar un proxecto refundido que debe validar o servizo de Arquitectura

Mércores, 16 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de remitir unha terceira carta á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, na que lle fai chegar as conclusións dun informe elaborado polos técnicos municipais sobre os pasos precisos que se deben dar para acelerar a recepción do novo Auditorio.

Logo de enviar anteriormente á Xunta dúas misivas nas que se poñía aos servizos municipais á súa disposición para verificar a entrega das obras, sen obter ningún tipo de resposta, a rexedora solicitoulle á edil de Gobernanza – área na que recae a inclusión deste inmoble no patrimonio municipal - que encargase un informe coas aclaracións técnicas precisas para poder seguir avanzando na materia.

“Dende a suposta pronta entrega do Auditorio, anunciada pola señora Vázquez Mejuto en xuño, pasaron xa máis de tres meses nos que non houbo ningunha novidade e só se realizou unha breve xuntanza técnica, moi puntual, pero sen contar coa asistencia á mesma de todos os servizos necesarios para abordar a totalidade das cuestións pendentes. E, como temos e queremos seguir avanzando, despois dos 15 anos de espera que levamos os lucenses agardando para poder desfrutar desta dotación cultural, tomamos a iniciativa de indicarlles os requirimentos que os técnicos municipais precisan para validar as actuacións que se están desenvolvendo no inmoble e proceder a recepcionar a obra”, subliñou Lara Méndez quen puxo de manifesto que o pasado venres xa lle adiantou persoalmente á conselleira o envío deste escrito no transcurso da súa visita a Lugo.

No informe elaborado polos técnicos municipais faise fincapé na necesidade de que a área de Arquitectura comprobe a adaptación da obra executada ao proxecto aprobado, como paso previo ao acto de entrega do inmoble. A institución local afirma ter coñecemento de que o edificio sufriu varias modificacións que mudaron considerablemente o deseño inicialmente aprobado. Cambios que non foron informados polos servizos municipais e que obrigan á Xunta de Galicia a presentar un proxecto refundido para que poida ser aprobado polo órgano competente.

A este requisito, considerado indispensable, cómpre engadir a aportación doutros documentos que posibiliten a formalización do acto de entrega como son a acta de recepción definitiva do edificio pola Consellería competente, de conformidade co estipulado na lexislación de contratos; o certificado final de obra xustificativo de que o conxunto da obra e das instalacións se axustan ao proxecto aprobado polo Concello en data 14 de outubro de 2010 así como os informes favorables dos departamentos afectados como son enxeñería, electromecánicos, informática, parques e xardíns, bombeiros, protección civil e arquitectura.

Lara Méndez asina a misiva poñendo de manifesto, unha vez máis, a súa continúa disposición para todo o que precise a conselleira, “co principal obxecto de poder desbloquear, canto antes, a situación”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a carta enviada a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto | Descargar mp3

Noticias relacionadas