Lara Méndez reivindica “máis alto que nunca” o respecto á diversidade sexual na apertura dos actos do Orgullo LGTBIQA+

A alcaldesa de Lugo alertou do risco de dar pasos atrás nos dereitos acadados “cando en territorios como Madrid Vox impón á súa políticas de odio”.

Os xardíns da Muralla de Lugo acollen desde hoxe unha bandeira floral coas cores da bandeira LGTBIQA+ para lembrar a loita social pola súa dignidade.

A concellería de Igualdade e Muller, ALAS e Aqde organizan actividades lúdicas e sensibilización con danza, música, cine e contacontos, entre outras accións.

Xoves, 24 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reivindica “máis alto que nunca” o respecto á diversidade sexual na apertura dos actos do Orgullo LGTBIQA+

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, así como outros concelleiros, participaron no acto inaugural do programa que se desenvolverá durante cinco días con motivo do Orgullo LGTBIQA+.

A apertura tivo lugar nos xardíns da Muralla, onde se descubriu unha bandeira floral coas cores da bandeira LGTBIQA+ “para visibilizar a todos os colectivos aos que representa este orgullo, deixar constancia do pleno compromiso do Concello de Lugo pola diversidade e lembrar a loita social na defensa da dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero”, sostivo a rexedora.

“Debemos seguir reivindicando a non discriminación por razón de sexo e dar pasos en firme nesta consecución co fin de frear as espirais de odio que aínda existen no noso país, co risco de retroceder coas políticas que se queren aplicar noutros territorios, como a Comunidade de Madrid, onde os partidos de ultradereita como Vox apostan por reformar as leis contra a discriminación do colectivo LGTBI+”, incidiu Lara Méndez, o “que nos obriga a estar en alerta para non perder os dereitos adquiridos”.

“No último Informe da Evolución dos Delitos de Odio, realizado polo Ministerio do Interior, os delitos de odio por orientación sexual e identidade de xénero aumentan un 8,6%, de aí a importancia de continuar celebrando o Día Internacional do Orgullo para favorecer a aceptación”, destacou a concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso.

O acto deu comezo cunha peza coreográfica feita ex professo para esta data dirixida por J.C. Zahera. A coreografía é de Rosa Acuña, e os bailaríns participantes foron Ayla Leiva, Álvaro Rodríguez e Carmen Sarmiento do Espazo de Danza da USC.

Para os vindeiros días están programados os seguintes actos:

  • O venres, de 17.30h. a 19.30h., realizarase un obradoiro no que se ofrecerán diferentes técnicas para a elaboración de deseños e consignas contra a LGTBIFOBIA. Todas as propostas fomentarán a parte máis creativa das persoas participantes dun xeito dinámico e todos os asistentes recibirán un lote individual de materiais.
  • Ás 20.30h., o colectivo Agrocuir da Ulloa dará o pregón na carpa instalada na explanada do Pavillón Municipal e seguidamente os asistentes gozarán dunha sesión musical con DJ Frisco e Marcos Peón.
  • O sábado, 26 de xuño, ás 18:00 horas, o Colectivo ALAS de Lugo coordinará a mesa redonda, ‘A importancia da educación e tolerancia LGTBI no ensino’, na que participarán os psicólogos Noelia Pastor Peño e Adrián Rodríguez López ademais de membros de ALAS. Ás 19:30h proxectarase o documental, Noite Irisada, un relato da loita dos colectivos LGTBI en Galicia, que foi nomeado aos Premios Mestre Mateo do ano 2020 e está dirixido pola viguesa Bea Vázquez Campaña.
  • O domingo inaugurase a exposición ‘Universos Diversos’, da ilustradora Laura Tova, coordinada por aQde, que reúne unha serie de obras que tratan como tema central a liberdade de ser, facendo esta alegoría a través do protagonismo das personaxes fusionando as mesmas sempre con elementos naturais. En total serán 10 obras, das que 3 son pezas cerámicas. Ás 12.30h os máis pequenos poderán gozar dun espectáculo infantil, sobre a diversidade ‘Os contos da tía Ramira’, guiado por Raquel Cendán. E xa en sesión de tarde ás 20.30h Las Antonias protagonizarán un concerto ‘ao ritmo dunha escena de risa obscena’.
  • Para finalizar a completa programación, o luns, terá lugar un acto institucional diante da Casa Consistorial, que inclúe a lectura dun manifesto, o izado da bandeira e finalizará cunha solta de globos biodegradables.

Multimedia

  • Lara Méndez reivindica “máis alto que nunca” o respecto á diversidade sexual na apertura dos actos do Orgullo LGTBIQA+

Noticias relacionadas