Lara Méndez reforza as políticas de emprego dirixidas á mocidade impulsando o programa Fórmat-T Xa! desde Xuventude

A alcaldesa de Lugo di que “damos resposta a unha das nosas preocupacións porque a pandemia agravou máis a vulnerabilidade da mocidade para acceder ao mercado laboral”.

Formaranse un centenar de mozas e mozos en 6 accións diferentes  dirixidas a potenciar a súa empregabilidade no sector agroalimentario e de servizos, onde faltan profesionais.

A iniciativa, que se desenvolverá entre abril e xuño, está destinada a persoas entre os 18 e 35 anos, e un 2% das prazas está reservada a colectivos vulnerables.

O prazo para presentar a solicitude está aberto, e poderase formalizar a inscrición a través de formulario.xuventudelugo.gal ata o 5 de abril.

Mércores, 24 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reforza as políticas de emprego dirixidas á mocidade impulsando o programa Fórmat-T Xa! desde Xuventude

Reforzar as políticas de emprego dirixidas á mocidade activa de Lugo é a finalidade do novo programa que impulsa o executivo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a través da concellería de Muller, Igualdade e Xuventude, que dirixe Ana Abelleira.

Baixo o nome de Fórmat-T Xa!, o programa busca mellorar a empregabilidade da xente máis nova que traballe en diversos sectores, incrementando a través da súa formación o acceso a un posto de traballo. “É máis necesario que nunca axudar á veciñanza na procura activa de emprego, e máis nestes intres onde o mercado laboral empeorou debido á crise económica derivada da emerxencia sanitaria”, sostén a rexedora, que engadiu que, “a pandemia agravou aínda máis a vulnerabilidade da mocidade para acceder ao mercado laboral”.

O programa abre a posibilidade de formación para un centenar de mozos e mozas da cidade, de idades comprendidas entre os 18 e 35 anos.  “Expomos a acción cun enfoque formativo que se adecúe ás necesidades reais nalgúns sectores, como o agroalimentario e de servizos, onde detectamos unha demanda de profesionais  non satisfeita, cun deseño DUAL para unha formación teórico-práctica", segundo comenta a edil Ana Abelleira.

Fórmat-T Xa! desenvolverase entre abril e xuño. As prazas serán paritarias para homes e mulleres, e un 2% delas están reservadas a colectivos con dificultades de inserción laboral, que serán derivados desde os centros de servizos sociais del Concello de Lugo. Realizarase a selección de participantes cunha entrevista persoal (que terá lugar os días 7 e 8 de abril) e un cuestionario. O día 9 de abril publicarase a lista de persoas admitidas.

A mocidade interesada en participar pode facer a súa solicitude a través da seguinte ligazón:  formulario.xuventudelugo.gal, concretamente desde o “formulario de inscricións a actividades”, ata o 5 de abril. Será obrigatorio estar empadroado/a en Lugo, ou no seu defecto, estudar ou traballar no municipio de Lugo, tendo preferencia as mozas e mozos empadroados.

Será necesario asistir a un 90% das horas para poder recibir o diploma de realización da formación tanto práctica como teórica. Unha vez finalizadas as accións formativas, este programa inclúe seguimento e asesoramento específico para orientar na búsqueda de emprego.

As accións formativas son as seguintes:

  • Curso de carnicería, corte e elaboración de produtos cárnicos, de 100 horas de duración (30 horas teóricas e 70 prácticas). Número de prazas: 16. O programa inclúe manipulación hixiénica de carnes e derivados cárnicos, sistemas de autocontrol baseados no principio do análise de perigos e puntos de control crítico en establecementos, preparación de pezas cárnicas, etc.  Do 15 de abril ao 23 de xuño
  • Curso de manexo de carretillas elevadoras, de 8 horas de duración (4 horas teóricas e 4 prácticas). Número de prazas: 16. O programa inclúe os compoñentes e tipos de carretilla elevadora, a manipulación e almacenaxe de carga así como as normas de circulación con carretillas. Terceira semana de maio.
  • Curso de corte de xamón de 4 horas de duración. Número de prazas: 16. O obxectivo é ensinar as técnicas de corte e mellorar a destreza á hora de cortar xamón, diferenciar os distintos tipos de xamón e aproveitar ao máximo a peza. 28 de abril.
  • Dous cursos de manipulación de alimentos, de 3 horas de duración cada un. Número de prazas de cada curso: 16.  27 de abril.
  • Curso de control de alérxenos na industria alimentaria de 3 horas de duración. Número de prazas: 16. 29 de abril.
  • Curso CAP+PERMISO C+ MERCANCIAS PERIGROSAS, de 140 horas de duración. Número de prazas : 4.

Máis info

  • Bases de participación do proxecto "Fórmat-T Xa!" | Descargar pdf

Audio

  • A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana Abelleira, sobre o proxecto "Fórmat-T Xa!" | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez reforza as políticas de emprego dirixidas á mocidade impulsando o programa Fórmat-T Xa! desde Xuventude

Noticias relacionadas