Lara Méndez reforza o ‘Acompañámoste’ para atender aos maiores que viven sós e amplíao aos menores vulnerables

A alcaldesa de Lugo sostivo que se impulsarán novas accións do programa porque tanto tempo de restricións afecta á “ saúde psicolóxica e emocional de moitas destas persoas”.

A área de Benestar, en colaboración coa Cruz Vermella, creará ‘grupos de rúa’ para detectar aos maiores que necesiten axuda e realizar labores de apoio e acompañamento.

A edil Olga López comentou que o seguimento “tamén nos servirá para detectar outras necesidades xa que avaliaremos as condicións mínimas da vivenda e a súa hixiene”

O servizo inclúe accións cos escolares para darlles ferramentas tecnolóxicas e que non lles afecte a brecha dixital e a falta de medios, así como apoio de reforzo as clases.

Martes, 15 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reforza o ‘Acompañámoste’ para atender aos maiores que viven sós e amplíao aos menores vulnerables

O executivo de Lara Méndez, a través da concellaría de Benestar, Inclusión e Maiores, reforza o programa Acompañámoste de atención ás persoas maiores que viven en soidade, que se puxo en marcha co inicio da pandemia para dar apoio a este colectivo. Este servizo, ademais, se amplía para axudar aos menores en situación de especial vulnerabilidade.

As novas liñas foron presentadas pola alcaldesa de Lugo, acompañada da edil Olga López, e do presidente da Cruz Vermella, Luís Abelleira, con que sen pechou un acordo de colaboración para o programa.

Méndez lembrou que unha cuarta parte do total da poboación de Lugo, preto de 22.000 persoas, teñen máis de 65 anos. Esta situación de pandemia as convirte no principal sector de risco, non só sanitario, senón tamén desde un punto de vista de benestar persoal e mental xa que observamos un aumento de persoas maiores que viven nun estado e nun sentimento de soidade non desexada”. Actualmente, se contabilizan 5.000 persoas nesa situación, “pero cremos que a cifra creceu a causa da emerxencia sanitaria”, comentou a rexedora.

A alcladesa destacou a necesidade de impulsar o programa Acompañámoste “xa que a saúde psicolóxica e emocional de moitas persoas está a verse seriamente afectada e estar xunto ás persoas queridas, especialmente en situacións dolorosas volveuse difícil ou imposible en moitos casos. Existe neste colectivo medos ao esquecemento, ao desgaste mental, ao sedentarismo, a falta de asistencia e a incomunicación”.

Por iso, o Concello non esperará a que estas persoas soliciten axuda, senón que sairá a detectalas a través da creación de “grupos de rúa" que, traballando man a man cos servizos sociais municipais, as farmacias, as tendas locais, realizarán unha labor carácter comunitario “para fortalecer as redes sociais da veciñanza e a solidariedade interxeracional, no que podamos implicar a toda a sociedade para coñecer os nomes e as direccións dos maiores con necesidades”.

En función dos casos detectados por áreas de influencia dos centros sociais do Concello de Lugo, a edil de Benestar, Olga López, avanzou que se executará un seguimento semanal das intervencións con cada persoa incluída no programa para levar un maior control das súas necesidades.

Tamén os voluntarios da Cruz Vermella realizarán un seguimento telefónico diario e en diferentes franxas horarias, que contarán con soporte técnico para aqueles casos nos que se detectan necesidades específicas que requiran accións concretas. Este atención reforzarase cun servizo de acompañamento por parte de voluntarios, que estarán cos maiores cunha periodicidade mínima de dous días á semana, incluída a zona rural. Ademais de poder axudarlles nos seus recados e facilitar a compra na casa, se lles prestará asesoramento para trámites con distintas administracións e información sobre recursos dispoñible segundo as necesidades detectadas.

A alcaldesa avanzou que este seguimento “tamén nos servirá para detectar outras necesidades xa que levaremos a cabo unha avaliación das condicións mínimas da vivenda e a súa hixiene”.

Por outra banda, se desenvolverá un servizo de apoio emocional en casos de situacións de ansiedade e angustia, tendo en conta a enorme afectación do estado emocional e anímico que está a ter esta situación nas persoas de máis idade. Estas accións veranse reforzadas a través de envíos de mensaxes por SMS ou WhatsApp, que lles axuden a sentirse acompañados. Levaranse a cabo con aquelas persoas que dispoñan dos medios técnicos, e valoraranse pór a súa disposición estes medios naqueles casos que non sexa así.

A concelleira Olga López, incidiu en que, ademais, son especialmente importante as accións que se desenvolverán, tamén co persoal municipal, para impulsar a actividades físicas e ocupacionais, así como accións formativas no uso das novas tecnoloxías, “orientadas a mellorar a vida diaria dos maiores”.

Desenvolverase una programación de actividades en liña, A través da aula virtual, tanto de natureza física como relacionadas coa saúde, as ocupacións e o tempo libre.

Apoio a menores vulnerables

A alcaldesa e a concelleira anunciaron que nesta nova etapa o Acompañámoste se amplía co fin de apoiar aos menores, aos nenos e nenas de Lugo, colectivos especialmente vulnerables, co fin de evitar que a fenda dixital lles afecte a súa aprendizaxe.

“Non todos os estudantes poden acceder a Internet para seguir o curso escolar nin todos os que acceden fano en igualdade de condicións”, sostivo a acaldesa. Con este fin, a área de Benestar en colaboración coa Cruz Vermella facilitará tanto tablets como pinchos de Internet para atender estas necesidades durante o curso escolar, así como apoio de reforzo ás clases sempre que sexa necesario. Olga López sostivo que a detención deste casos se fará a través das ANPAS e dos servizos sociais municipais.

Igualmente, Lara Méndez e Olga López, agradeceron todo o traballo desenvolvido polo persoal de Benestar durante esta pandemia, así como a súa implicación, ao igual que a colaboración da institución da Cruz Vermella como dos seus voluntarios.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Acompañámoste | Descargar mp3
  • A edil de Benestar, Olga López, sobre o Acompañámoste | Descargar mp3
  • O presidente da Cruz Vermella, Luís Abelleira, sobre o Acompañámoste | Descargar mp3

Noticias relacionadas