Lara Méndez recupera para a cidadanía o paso peonil que comunica o Parque Marcos Cela co Mirador da Volta da Viña

A alcaldesa supervisou a instalación dun valado de madeira que delimita as escaleiras de unión destes espazos, propiciando así a próxima apertura do acceso con seguridade.

A intervención na contorna contempla tamén a instalación dun paso peonil intelixente e a colocación de maior iluminación que redundarán na protección de viandantes e cilistas e no calmado do tráfico rodado.

Xoves, 09 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez recupera para a cidadanía o paso peonil que comunica o Parque Marcos Cela co Mirador da Volta da Viña

Tan só dez metros separan o miradoiro da Volta da Viña do Parque Marcos Cela. Un importante desnivel, orixinado por un afloramento rochoso que dificultaba a conexión peonil directa entre ambos espazos e que o Executivo de Lara Méndez está a recuperar para a cidadanía, mellorando a seguridade deste treito coa instalación dun valado de madeira que delimita o percorrido de escaleiras de pedra existentes, exercendo ademais de punto de apoio, o que posibilitará a súa próxima apertura.

A rexedora de Lugo, acompañada polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaba o resultado dos traballos, enmarcados na estratexia de mellora da conectividade entre a contorna urbana e a ribeira fluvial.

“A nosa vontade é a de seguir incrementando a accesibilidade da capital e ir habilitando e rexenerando espazos para permitir que a veciñanza poida desprazarse con comodidade por todos eles, buscando unha mobilidade sostible pero tamén racional e sobre todo segura”, sinalou a alcaldesa.

Nese mesmo sentido, Lara Méndez lembrou que, precisamente, este enclave, coincidente co trazado do Carril Bici, contará cun novo paso de peóns intelixente. “O segundo, xunto ao instalado na Rolda do Carme, que é capaz de detectar a presenza de viandantes para darlles prioridade ante o tráfico rodado e que se verá complementado coa colocación de nova iluminación e de balizas que redundarán na protección de todas e todos, xa sexan condutores e condutoras, camiñantes ou ciclistas”, aclarou.

A alcaldesa referiu que este sistema automático se activa cun sensor de presenza, aumentando a intensidade lumínica dun 30 a un 100%, o que provoca unha chamada de atención ao vehículo que se aproxima sobre a existencia dunha persoa que pretende cruzar. Unha mellora que se completa coa súa elevación, mediante un badén, o que obriga á minoración da velocidade.

Medidas que se verán reforzadas, así mesmo, con outros elementos de protección comúns (bolardos) e coas que se pretende un guiado visual axeitado para todos os tipos de circulación que conviven na contorna dun xeito acorde á súa configuración natural e orográfica.

Toda a actuación forma parte da estratexia DUSI Muramiñae “Da Muralla ao Miño”, cofinanciada ao 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Audio

Multimedia

  • Lara Méndez recupera para a cidadanía o paso peonil que comunica o Parque Marcos Cela co Mirador da Volta da Viña

Noticias relacionadas