Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas

A iniciativa persegue facer público o grave deterioro que sofre o inmoble ante a deixadez de funcións do goberno autonómico sobre o patrimonio cultural local

A alcaldesa daba conta hoxe tamén dun informe dos técnicos municipais que aprecian risco de desprendemento de elementos construtivos do edificio

“Non se trata de confrontar coa Xunta, senón de facer un chamamento para que as dúas administracións vaiamos xuntas da man neste cometido”

Xoves, 07 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, anunciaba esta mañá que nos vindeiros días o Concello abrirá as portas do Cuartel de San Fernando para que toda a cidadanía poida comprobar cal é o estado actual no que se atopa a construción.

A medida obedece a unha iniciativa moito máis ampla, que desenvolverá a Alcaldía, co obxecto de acadar que a Xunta de Galicia asuma un compromiso firme para converter o inmoble no Museo da Romanización.

“Queremos trasladar a nosa preocupación polo deterioro no que se atopa o Cuartel, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola administración autonómica no ano 2009, e denunciar que mentres o Goberno de Feijóo non cumpra o seu compromiso coas e cos lucenses para rehabilitalo obrigará a seguir investindo, ano tras ano, no seu mantemento”, lamentou Lara Méndez.

Neste sentido, a alcaldesa aproveitou a súa comparecencia para facer públicas as conclusións dun informe elaborado polos técnicos municipais, a petición do concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto, no que se pon de manifesto que a construción precisa de reparacións de urxencia “que alomenos intenten frear a súa degradación, sendo ademais conscientes de que será inevitable que este deterioro vaia a máis co paso do tempo se non se afronta a recuperación integral que levamos anos solicitando”.

A rexedora subliñou que entre os danos detectados polos arquitectos se atopan varios puntos de entrada de auga que están a estragar o pavimento así como a estrutura dos pisos. Hai ademais cristais rotos que posibilitan a entrada de pombas de maneiras que os seus excrementos están botando a perder varias superficies e, mesmo nalgunhas zonas, existe risco de desprendemento de materiais de obra.

Nese diagnóstico, Lara Méndez relatou que, entre outras actuacións, urxe revisar o acabado da cuberta para garantir a súa total impermeabilización e realizar unha limpeza xeral do inmoble. “Intervencións ás que cómpre engadir a roza da maleza que invade o patio e que xa estamos acometendo”.

“Xa no anterior mandato, no ano 2016, o Concello tivo que executar obras de conservación do edificio ante a necesidade de reforzar a súa estrutura, reparar teitos, canalóns, baixantes e actuar nas fachadas así como pintar o exterior. Traballos que se executaron a instancias da institución local pero que supuxeron un gasto, asumido entrámbalas dúas administracións, de 180.000€”, recordou a alcaldesa.

“Tamén nesta ocasión volveremos a pedirlle á Xunta que cofinancie as tarefas básicas que acabamos de relatar para garantir o mantemento deste emblemático edifico da Praza do Ferrol, pero sen perder de vista que son parches mais, en ningún caso, unha solución nin a curto prazo, xa que o inmoble agora non permite o uso no interior, nin tampouco a medio, xa que o paso do tempo é implacable cos monumentos baleiros”, destacou a rexedora.

Ante esta situación, Lara Méndez anunciou que “unha vez máis, esixirémoslle ao Goberno da Xunta, que é a administración coa competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia, que alén do mantemento deste edificio singular cumpra co compromiso acadado coa veciñanza luguesa cando se elixiu que o cuartel fora sede do Museo da Romanización. Non queremos buscar ningún tipo de confrontación senón todo o contrario, facer un chamamento para que as dúas institucións vaiamos da man neste cometido”.

“Non podemos esquecer – abondou a rexedora – que, nese obxectivo, a propia Xunta convocou e fallou un concurso de ideas no que investiu 70.000€ baixo a promesa de que as obras, que contarían cun investimetno de 10 millóns de euros, se iniciarían no ano 2011. Precisamente, o DOG anunciaba no exercicio seguinte, o contrato para o proxecto básico por importe de 221.000 euros. Un ano, o 2012, no que Fijóo paralizou, sen embargo, todos os procesos, incurrindo nun deixamento de funcións e incumprindo o compromiso adquirido e iso, a pesar de ser coñecedor de que o Museo da Romanización en San Fernando non só é unha demanda social unánime, senón unha necesidade para pór en valor o legado romano de Galicia”.

A alcaldesa manifestou que, “dende entón, este Concello veu reclamando, ano tras ano, que se aborde a súa rehabilitación con pasos firmes onde deben darse – nos orzamentos da Xunta – a pesar de que sempre obtivemos a mesma resposta: ningunha! Este mes soubemos que os presupostos autonómicos para 2020 tampouco destinarían nesta ocasión nin un só euro para esta finalidade polo que, tamén unha vez máis, levaremos esta reivindicación ao próximo Pleno municipal”.

“Cremos que a mellora do Cuartel é imprescindible se queremos seguir pelexando porque Lugo acade o seu Cuarto Patrimonio da Humanidade, obxectivo que foi aprobado de xeito unánime por todos os grupos políticos da Corporación e que é amplamente compartido pola cidadanía de Lugo. E como dende o Concello queremos facer partícipe a toda a poboación desta preocupación polo estado do Cuartel, proximamente desenvolveremos unha xornada de portas abertas para que os colectivos e as persoas interesadas poidan comprobar, de primeira man, o seu estado. Farémolo – engadiu Lara Méndez – de xeito controlado, acordoando determinados espazos e guiados por persoal de apoio para garantir a seguridade dos visitantes en todo momento. É outra das maneiras coas que intentaremos lanzar unha mensaxe de concienciación social ante a necesidade de abordar con urxencia a recuperación deste inmoble”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o Museo da Romanización en San Fernando | Descargar mp3
  • Miguel Couto, sobre o Museo da Romanización en San Fernando | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas
  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas
  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas
  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas
  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas
  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas
  • Lara Méndez reclama á Xunta o Museo da Romanización en San Fernando cunha campaña de concienciación cidadá que inclúe unha xornada de portas abertas

Noticias relacionadas