Lara Méndez proporá distinguir coas Medallas de Ouro de Lugo ao persoal dos servizos esenciais que loitan contra o COVID 19

A alcaldesa quere plasmar nesta homenaxe o aplauso colectivo que cada día reciben  os sectores que operan na primeira liña de loita contra a pandemia
 
O acto será moi especial, sostén a rexedora, ao coincidir tamén coa celebración do XX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio de la Humanidade
 
Lara Méndez tamén proporá levar ao vindeiro Pleno unha declaración institucional polas vítimas do COVID 19

Xoves, 14 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez proporá distinguir coas Medallas de Ouro de Lugo ao persoal dos servizos esenciais que loitan contra o COVID 19

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, proporá aos grupos municipais da Corporación lucense outorgarlles as Medallas de Ouro deste ano aos colectivos de profesionais que nesta pandemia están a cubrir os servizos esenciais para protexer e coidar á veciñanza.

“Estas Medallas son a máxima distinción que o Concello de Lugo pode entregar aos seus cidadáns. Por iso, queremos plasmar nesta homenaxe o aplauso colectivo que cada día facemos chegar a estes traballadores e traballadoras desde as nosas fiestras e balcóns para agradecerlles o seu labor, tarefas que, en moitos casos, chegan incluso a exceder a súa responsabilidade profesional”, sostivo a rexedora.

Lara Méndez lembra que o regulamento destas Medallas detalla que estas deben recaer  en “persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios”, e “extraordinaria é a dedicación e o compromiso que os distintos colectivos amosaron e amosan para superar esta crise que tantas vidas deixou no camiño”.

Así, a proposta inclúe o recoñecemento de todo o persoal que opera na primeira liña de loita contra a pandemia no sector sanitario e farmacéutico, nos servizos sociais, nas forzas e corpos de seguridade e no sector agroalimentario, así como os transportistas e demais profesionais dos servizos esenciais.

As Medallas de Ouro do Concello de Lugo se entregan o día 30 de novembro, día no que se conmemora o aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. O Goberno local institucionalizou esta data hai dous anos.

“Esta homenaxe é, se cabe, máis especial este ano xa que coincidirá coa celebración do XX aniversario da nosa muralla como Patrimonio, por iso, se un brote da pandemia non o impide, organizaremos un acto que nos permita ao pobo lucense enxalzar o noso orgullo como comunidade unida e solidaria”, aseverou a alcaldesa, que incidiu en que “como sempre dicimos, o mellor patrimonio de Lugo somso a súa xente, e nesta crise sanitaria, social e económica o estamos a demostrar”.

Declaración Institucional vítimas da pandemia

O Concello tamén avanzou hai uns días que a alcaldesa proporá ao resto dos grupos da Corporación aprobar no vindeiro Pleno unha declaración institucional en memoria das vítimas da pandemia, pero tamén para expresar o recoñecemento á poboación lucense polas mostras de responsabilidade amosadas durante as semanas de confinamento e para agradecer o esforzo de todos os e as profesionais que prestan os seus servizos en todas as áreas no coidado da cidadanía, asumindo incluso riscos para a propia saúde.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre as "Medallas de Ouro", ós servizos esenciais | Descargar mp3

Noticias relacionadas