Lara Méndez promove formación en negocios dixitais a través de cursos online e gratuítos para medio centenar de menores de 30 anos

As accións “Negocios dixitais, economía circular” e “Marketing dixital e branding en liña” terán unha duración de seis semanas e as clases serán a través de Zoom.

O programa, destinado a mozos e mozas inscritos no sistema de garantía xuvenil, está cofinanciado pola Unión Europea a través do FSE.

As inscricións realizaranse por orde de entrada das solicitudes.

Venres, 27 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez promove formación en negocios dixitais a través de cursos online e gratuítos para medio centenar de menores de 30 anos

O Goberno de Lara Méndez promove dous novos cursos online e gratuítos para formar a mozas e mozos inscritos no sistema de garantía xuvenil. Trátase das accións formativas “Negocios dixitais, economía circular” e “Marketing dixital e branding en liña”, que se desenvolverán no marco dun convenio de colaboración entre a área de Desenvolvemento Local e Emprego e a Fundación INCYDE, cofinanciados pola UE a través do Fondo Social Europeo.

Ambos cursos, que comezarán no mes de setembro, terán unha duración de seis semanas, con dez horas á semana. O horario será o seguinte: luns, mércores e xoves de 16:00 a 19:00 horas, no caso do curso “Negocios dixitais, economía circular” e de 17:00 a 20:00  horas, no caso da acción “Marketing dixital e branding en liña”. As clases serán en liña a través de Zoom e haberá unha hora de titoría individual á semana, segundo a dispoñibilidade dos alumnos.

En total ofértanse 25 prazas para cada curso e os requisitos para participar son figurar como beneficiario no sistema de garantía xuvenil, ser menor de 30 anos e non estar estudiando nin traballando no momento da formación.

Negocios dixitais, economía circular

O Programa de Emprendemento en Negocios Dixitais aplicando principios de Economía Circular e ODS busca impulsar a creación de negocios dixitais baseados no compromiso pola produción de bens e servizos de maneira sostible, conservando o maior tempo posible o seu valor e reducindo a cantidades mínimas os refugallos ou residuos xerados.

Ao longo de seis semanas, os participantes van traballar no deseño e elaboración dun plan de negocio, coa axuda de expertos consultores en diferentes temáticas, como en oportunidades de negocio, business plan, márketing circular, finanzas, xurídico e fiscal, entre outros.

Marketing dixital e branding en liña

O obxectivo fundamental deste curso é proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver o Plan de Empresa / Plan de Mellora, sempre coa axuda das ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha.

Con este programa facilítase a elaboración dun Proxecto de Empresa / Plan de Mellora desenvolvido e completo, que pode utilizarse polo/a promotor/a non só como guía de referencia para a posta en marcha e/ou consolidación do seu negocio, senón que pode servirlle ademais como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras.

Ademais, o curso axudará aos participantes para definir a súa propia estratexia de comunicación nos novos medios sociais (redes sociais, blogues, buscadores, etc.), o plan de márketing dixital e a execución de accións para mellorar a reputación e o posicionamento dos seus produtos/servizos na internet.

Noticias relacionadas