Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade

A alcaldesa e o edil de Deportes presentaron as instalacións, que albergarán fútbol sala, baloncesto, balonmano, minibasket, voleibol, bádminton e  ximnasia rítmica, entre outros.

Ubicarase nunha zona que dispón xa de instalacións deportivas, na contorna da Garaballa onde se constrúe o Impulso Verde, semente do Barrio Multiecolóxico.

A rexedora sostén que “se construirá con criterios de arquitectura pasiva na loita contra o cambio climático e coa madeira como protagonista na súa fachada e estrutura”.

O Concello solicitará, tal e como foi aprobado por unanimidade en varios plenos, que o financiamento, de 2.940.000 euros, sexa compartido coa Xunta e a Deputación de Lugo.

Martes, 09 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo  multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e do arquitecto Javier Ferreiro, presentou hoxe o proxecto Lugo Sport Life, co que o executivo municipal promove a construción dun novo pavillón multidisciplinar para atender a elevada demanda de instalacións deportivas na cidade.

Así mesmo, segundo explicou a rexedora, “esta iniciativa nace coa vontade de acompañar o desenvolvemento do programa LIFE Lugo+Biodinámico, pois a infraestrutura situarase no entorno do novo barrio multiecolóxico da Garaballa e construirase seguindo os criterios de sustentabilidade e aforro enerxético que persegue esta programación e que caracterizan o deseño das cidades verdes do futuro na loita contra o cambio climático”.

Neste senso, Lara Méndez explicou que “o novo polideportivo compartirá moitas das premisas do edificio Impulso Verde, pois o seu deseño seguirá os principios de eficiencia, sustentabilidade e innovación que marcarán o desenvolvemento da arquitectura nos vindeiros anos. Será un pavillón de liñas contemporáneas, no que a madeira será protagonista, adaptándoa para uso tanto na fachada como na estrutura, e que poñerá especial énfase nas percepcións que o espazo físico transmite ao usuario, primando a iluminación natural e a continuidade entre exterior e interior, buscando unha integración plena na contorna”.

“O uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente nun equipamento destas características converterano en todo un referente, como xa está a suceder co Impulso Verde, que vén de acadar o certificado FSC (Forest Stewardship Council) sendo o primeiro edificio en España e un dos primeiros do mundo que logra este prestixioso recoñecemento que garante a súa sustentabilidade, apostando polo produto local e converténdose en ferramenta activa na loita contra o cambio climático”, engadiu.

O orzamento estimado deste proxecto é de 2.940.000 euros. A parcela na que se construirá o novo pavillón, de titularidade municipal, sitúase ao carón da Rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas, e ocupa unha superficie de 3.490,60 m2.

Miguel Fernández explicou que “a demanda de espazos para practicar deporte en interior é cada vez maior na cidade, de aí a necesidade de promover un proxecto ambicioso co que ofrecer ás e aos lucenses unhas instalacións modernas e de calidade para o futuro. Actualmente, atopámonos cunha falta de dotacións para dar cabida á crecente demanda, sobre todo dos deportes de balón e de ximnasia rítmica, pois esta modalidade deportiva precisa dunha determinada altura, polas súas características de competición”.

Neste senso, o novo polideportivo disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe. Así, ofrecerá a posibilidade de albergar competicións de: fútbol sala, baloncesto (2 canchas), balonmano, minibasket (4 canchas), voleibol (4 canchas), bádminton (4 canchas), ximnasia rítmica ou outros deportes de interior. Tamén disporá dunha zona de recepción e un espazo de carácter social.

A maiores, o proxecto contempla un sistema de bancada retráctil para todo o complexo, acompañado de dúas pequenas bancadas laterais fixas, podendo albergar un aforo de case 1.000 espectadores segundo a configuración. Este sistema confire gran versatilidade á hora de ofrecer distintos espectáculos deportivos: segundo a modalidade deportiva recolocaranse as bancadas, ao mesmo tempo que se aumenta ou diminúe a súa capacidade; e, dado o caso, tamén existirá a posibilidade de recoller todas as bancadas para aumentar o espazo dispoñible para calquera evento.

Características da infraestrutura

O proxecto leva ao límite a ocupación permitida na parcela, buscando agrupar o pavillón nun volume compacto e eficiente que se sitúa no centro para crear dúas pequenas prazas a ambos os dous lados.

No exterior dominarán as liñas e formas curvas para dar un carácter contemporáneo ao edificio, mentres que no interior, o pavillón desenvólvese en 3 plantas:

  • Na planta soto situarase a zona de aseos para o público, os vestiarios dos equipos e os vestiarios dos árbitros. No centro, a zona de pistas ocupará toda a altura do edificio.
  • A planta baixa permítenos entrar e ter unha visual completa do edificio. Trátase dun espazo diáfano desde o que se accede perimetralmente ás bancadas. Nesta planta a fachada resólvese mediante un cerramento de vidro que permite que a luz do sol asolague o interior, difuminando o límite co exterior e creando un espazo acolledor e agradable tanto para público como para deportistas. A esta fachada de vidro superpoñeráselle puntualmente unhas lamas exteriores que tamicen a luz a modo de cortina, protexendo do sol nas súas orientacións máis desfavorables.
  • Na planta alta situaranse os despachos administrativos para equipos ou entidades sociais, unha zona de prensa que tamén pode funcionar como bancada superior, e un espazo de usos múltiples que confire versatilidade ao equipamento.

Criterios de arquitectura pasiva

O deseño do edificio realizouse con criterios de arquitectura pasiva. O volume compacto e encaixado no terreo minimiza a superficie de fachada evitando perdas térmicas.  Doutra banda, proxéctase un gran depósito situado no soto que recolle a auga pluvial desde a cuberta para a súa reciclaxe e utilización para a totalidade da rega, así como a recuperación de augas grises de ducha para a súa reutilización para o 100% das descargas de wc.

Buscando o máximo aforro e sustentabilidade nas instalacións, expóñense dous sistemas complementarios que, unidos aos sistemas pasivos de acondicionamento, resolven as necesidades específicas do edificio:

  • Para a zona de pistas e bancadas, proponse unha máquina de Alta Eficiencia Enerxética, que servirá para temperar este espazo no inverno e refrixerar no verán. Esta refrixeración non ten consumo eléctrico engadido, dado que se consegue por evaporación de auga.
  • Doutra banda, empregarase o sistema de xeotermia para garantir a achega necesaria de auga quente para ACS e climatización nas zonas de vestiarios, despachos e sala de usos múltiples. Este sistema compleméntase con dúas máquinas (unha en cada lateral) de ventilación por recuperación de calor, conseguindo unha climatización con moi baixas emisións, altísima eficiencia e mantemento mínimo.

En canto ao uso de materiais, a madeira será protagonista, adaptándoa para uso tanto en fachada como na estrutura.  Excepto pola necesidade de uso do formigón en planta soto para a contención, a estrutura principal do edificio resólvese na súa maior parte a base de vigas e paneis de madeira contralaminada CLT, que ademais de ter unhas  excelentes propiedades físicas, trátase dun material 100% reutilizable, cunha baixa pegada de carbono, e que, grazas á sua prefabricación, supón unha redución dos tempos de execución en obra.

Ao mesmo tempo, ao deixar a estrutura vista, conferirá un ambiente acolledor e cálido ao interior, afastado da frialdade característica de moitos equipamentos similares, e servirá de escaparate para fomentar o uso da madeira no futuro.

Financiamento

A alcaldesa Lara Méndez, anunciou que este anteproxecto, que foi encargado antes da pandemia e que foi entregado en xullo do ano pasado, non foi activado antes debido ás prioridades municipais para atender a crise social e económica derivada da COVID, pero “é hora de retomalo para seguir construíndo o Lugo do futuro”. Sostivo, ademais, que para afrontar o orzamento do proxecto se pedirá a colaboración tanto da  Secretaria Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, como da área de Deportes da Deputación de Lugo, de xeito que cada administración aporte un terzo do seu custo.

Neste senso, lembrou que existen dous acordos plenarios aprobados por unanimidade de todos os grupos políticos da Corporación de Lugo, e incluso un acordo do Pleno da mesma Deputación Provincial, no que se consensuou instar ás Administracións a acadar un compromiso económico para a construción deste polideportivo tan necesario na cidade.

Con este fin, o Concello solicitará manter reunións cos responsables de Xunta e da Deputación para abordar esta cuestión.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Lugo Sport Life | Descargar mp3
  • O arquitecto, Javier Ferreiro, sobre o Lugo Sport Life | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo  multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade
  • Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo  multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade
  • Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo  multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade
  • Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo  multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade
  • Lara Méndez promove a execución dun pavillón polideportivo  multidisciplinar e sostible para atender a demanda da cidade

Noticias relacionadas