Lara Méndez prevé levar ao Pleno do mes de xullo a aprobación inicial do 5% pendente do Plan Xeral

O Concello recibirá esta semana a documentación técnica do equipo redactor, que modifica o PXOM de acordo cos informes favorables da Confederación Hidrográfica

A rexedora lembra que ese 5% foi suspendido en dúas ocasións pola Xunta, o que supón, entre outros problemas, que existan limitacións para dar licenzas de novas edificacións

Unha vez que teña o visto e prace nesta sesión plenaria, dependerá dos informes favorables da Xunta para que poida ser aprobado de xeito definitivo

Luns, 25 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez prevé levar ao Pleno do mes de xullo a aprobación inicial do 5% pendente do Plan Xeral

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, anunciou hoxe que a aprobación do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal chega a súa fase final xa que esta mesma semana o Concello recibirá “a documentación técnica elaborada polo equipo redactor que nos permitirá seguir coa folla de ruta, sendo o noso obxectivo que no Pleno do vindeiro mes de xullo poidamos levar o PXOM pendente para a súa aprobación inicial”.

Esta nova documentación pasará agora a mans dos servizos municipais involucrados para que elaboren os informes preceptivos. Serán necesarios os da Intervención Xeral, Secretario do Pleno, Comisión Permanente Ordinaria de Urbanismo, Infraestruturas, Medio Ambiente e Zona Rural. Con estes informes, o 5% do PXOM se levará a Pleno para a súa aprobación inicial, e será necesario despois o informe positivo da Xunta para que o Goberno local o poida levar de novo a Pleno para o seu visto e prace definitivo. “Os tempos administrativos non son moi longos, por iso confiamos en que este mesmo ano poidamos anunciar que xa temos o 100% do PXOM”, sostivo Lara Méndez.

Segundo a alcaldesa, “con este paso encaramos xa o camiño final para activar zonas de Lugo que ata o día de hoxe só se poden rexer polo planeamento anterior o que, na maioría dos casos, supón limitacións para outorgar licenzas para novas edificacións, principalmente na zona rural afectada”, e engadiu que “no caso das áreas de solo urbanizable, esta parálise tamén representa un freo no seu desenvolvemento, como por exemplo, na contorna do HULA”.

Lara Méndez e o concelleiro Miguel Couto lembraron que a Xunta deixou esta parte do PXOM en suspenso en dúas ocasións. “A primeira, hai 9 anos, no 2011, cando deu luz verde ao 95% restante do Plan Xeral, e logo no 2013 cun informe que, como avanzamos no seu día, era lesivo para os intereses de Lugo xa que foi efectuado fóra do establecido no procedemento administrativo”, sostivo o edil de Urbanismo.

No ano 2011, a Consellería de Medio Ambiente suspendeu o 5% establecendo consideracións en 70 núcleos rurais dos 300 que compoñen o municipio, e 17 urbanizables dos 65 que contempla o PXOM.

Ante isto, o Concello de Lugo presentou nova documentación, que foi aprobada en Pleno en decembro de 2012, pero foi entón cando a Consellería de Medio Ambiente volveu paralizalo cun informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no que solicitaba estudos Hidrolóxicos-Hidraúlicos dos ámbitos en suspenso. Sen embargo, comentou Couto, “ese trámite xa fora satisfeito polo Concello na fase de aprobación provisional obténdose un informe favorable da CHMS o 1 de setembro de 2008. Este informe estaba condicionado a unhas obrigas, pero en ningunha delas se sinalaba a necesidade destes estudos”, aclarou.

Neste tempo, o Concello presentou os traballos requiridos á Confederación, que en marzo de 2019 emitiu un informe en sentido favorable, sobre o que o equipo redactor estivo a traballar para adaptalo ao PXOM. E esa é a documentación que esta semana chegará ao Concello.

Audio

  • A alcadeda Lara Méndez, sobre a aprobación do PXOM en Xullo | Descargar mp3
  • O edil Miguel Couto, sobre a repercursión do remate do PXOM | Descargar mp3

Noticias relacionadas