Lara Méndez preside a toma de posesión do Inspector da Xefatura da Policía Local como Intendente en prácticas

 Esta é a primeira vez que se cubre a praza nos 160 anos de historia do Corpo lucense.

Luns, 04 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez preside a toma de posesión do Inspector da Xefatura da Policía Local como Intendente en prácticas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu esta mañá a toma de posesión do Inspector da Xefatura, Jesús Piñeiro, como novo Intendente en prácticas da Policía Local.

“Esta é - segundo subliñou a rexedora - a primeira vez que, nos 160 anos de historia que ten o Corpo, se cubre esta praza que, como capital de provincia que somos, resulta tan necesaria para seguir completando a cadea de mandos”.

Lara Méndez referiu alén que, coa incorporación desta figura, “estamos dando un salto cualitativo e cuantitativo na configuración da Policía Local. Cuantitativo porque é vontade deste Goberno avanzar para cumprir os cocientes de número de efectivos con relación ao número de habitantes que temos no municipio e cualitativo polo que mellorou o servizo dende a chegada de Jesús Piñeiro á Xefatura do Corpo”, enxalzou a alcaldesa ao tempo que o felicitou polo “gran traballo que vén desempeñando”.

Pola súa parte, Jesús Piñeiro quixo agradecer a confianza e apoio da rexedora á Policía Local e tamén “polo esforzo que se está a facer por parte do Executivo para dotala de medios humanos e técnicos co obxectivo de ser, cada vez, máis profesional”. Así mesmo, Piñeiro puxo en valor o impulso dado ás promocións de ingreso e ascenso dentro do Corpo, “que resultan vitais para a súa organización e funcionamento”, asegurou.

O novo Intendente dedicou, asemade, unhas palabras para os seus compañeiros e compañeiras, “dos e das que estou tan orgulloso” e quixo recoñecer a súa valía e esforzo, “especialmente aos xefes de unidade que hoxe me acompañan e que me apoian e coidan ao tempo que resolven con eficacia todos os operativos”, engadiu.

Unha intervención que Jesús Piñeiro concluíu reafirmando o compromiso de lealdade e servizo á cidadanía da Policía Local, “no que seguiremos traballando para conseguir que este Corpo sexa un dos máis respectados de Galicia”, culminou.

Multimedia

  • Lara Méndez preside a toma de posesión do Inspector da Xefatura da Policía Local como Intendente en prácticas
  • Lara Méndez preside a toma de posesión do Inspector da Xefatura da Policía Local como Intendente en prácticas
  • Lara Méndez preside a toma de posesión do Inspector da Xefatura da Policía Local como Intendente en prácticas

Noticias relacionadas