Lara Méndez preside a primeira Mesa de Traballo pola Diversificación Industrial de Lugo

Esta reunión activa a coordinación técnica da Mesa, impulsada pola alcaldesa de Lugo para unificar os esforzos do sector público e privado en prol da recuperación económica da cidade.

A iniciativa nace como complemento á estratexia Lugo Transforma coa que o Goberno local mobilizou 12 millóns de euros para atraer investimentos e propiciar a implantación de novas empresas.

Lara Méndez: “O obxectivo é definir un futuro para Lugo que aproveite as nosas potencialidades, xere traballo e reteña o talento local, nun proceso acorde ao noso modelo de cidade sostible”.

Luns, 13 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez preside a primeira Mesa de Traballo pola Diversificación Industrial de Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Mesa da Industrialización de Lugo, enmarcada dentro da estratexia Lugo Transforma, impulsada polo Goberno local e dotada con 12 millóns de euros, para atraer novos investimentos á cidade co obxectivo de crear emprego e propiciar a recuperación económica do municipio na etapa post - pandemia.

“A vocación desta iniciativa, que se constitúe como unha ferramenta máis do conxunto de medidas deseñadas polo Concello para saír reforzados da crise social que derivou da sanitaria, non é outra que a de propiciar o diálogo institucional e empresarial e coordinar esforzos públicos e privados para que tódolos sectores implicados no crecemento da cidade se involucren e traballemos xuntos no seu deseño e desenvolvemento futuro, naqueles ámbitos que lle permitan avanzar en consonancia co proxecto que temos definido para ela e que pasa pola implantación de novas empresas nos eidos medioambiental, agroforestal e tecnolóxico ou dixital”, subliñou Lara Méndez.

Hoxe tivo lugar a primeira reunión da Mesa de Traballo constituída ao efecto na que participan, alén da rexedora, a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira; o xefe territorial de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Gustavo José Casasola de Cabo; a vicerreitora do Campus Lugo, Monserrat Valcárcel así como o representante da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López e Ramón Alonso, directivo da Asociación de Empresarios de O Ceao – As Gándaras.

“Trátase, por tanto, dun ente plural, representativo da sociedade lucense, na que procuramos a integración de todos aqueles axentes e colectivos locais, ademais da Universidade - a través do seu labor formativo, de investigación e de impulso empresarial - na procura non só de detectar os recursos e capacidades que posúe a nosa cidade, senón tamén para sentar as bases da súa industrialización coa definición daquelas medidas - como a xeración de ideas en prol da diversificación, a definición de obxectivos ou a planificación temporal das actuacións -  que incrementarán a súa atracción como polo de emprego e de talento”, engadiu Méndez.

“Cómpre salientar que vimos de adxudicar a xestión do fondo emprendedor municipal Lugo Transforma, que mobilizará 12 millóns de euros en cinco anos, precisamente con esta finalidade: a de suscitar o interese de novos negocios de alto impacto social e ambiental para que se consoliden na cidade, aproveiten todas as potencialidades que ten Lugo e nos axuden a reforzala na súa posición como referente nacional en materia de políticas verdes e de sostibilidade que xa nos abandeiran”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Mesa da Industrialización | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez preside a primeira Mesa de Traballo pola Diversificación Industrial de Lugo
  • Lara Méndez preside a primeira Mesa de Traballo pola Diversificación Industrial de Lugo

Noticias relacionadas