Lara Méndez presentará en Fitur as Rutas Connexio a pé do Camiño onde se fusiona o patrimonio eclesiástico coa arte contemporánea

Os itinerarios amosan os traballos gañadores dos Premios Connexio do Concello de Lugo, iniciativa pioneira posta en marcha para dinamizar a industria cultural e o turismo no rural.

As obras están expostas nas igrexas de Santa María en Gondar, Capela do Carme, San Xóan Altom San Vicente en Burgo, San Miguel en Bacurín, e San Pedro de Abaixo en Mera.

A alcaldesa destaca que as seis intervencións artísticas premiadas foron seleccionadas entre más de 220 propostas que chegaron a Lugo de autores procedentes de todo o mundo.

Mendez explicou que o fin é atraer turistas e visitantes que elixen, “e máis en tempos de post pandemia, vivir novas experiencias en contornas naturais cunha historia que os acompañe”. 

Venres, 07 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presentará en Fitur as Rutas Connexio a pé do Camiño onde se fusiona o patrimonio eclesiástico coa arte contemporánea

“A fusión da mellor arte contemporánea e da arte sacra secular en seis templos do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, seleccionados polo seu valioso patrimonio histórico e arquitectónico, centra a proposta turística das ‘Rutas Connexio’ que a alcaldesa, Lara Méndez, presentará en FITUR este ano como “unha chamada de atención para turistas e visitantes que elixen, e máis en tempos de post pandemia, vivir novas experiencias en contornas naturais cunha historia que os acompañe”. 

Así o avanzou hoxe a rexedora de Lugo nunha presentación, coa presenza tamén de medios nacionais, na que deu a coñecer o vídeo promocional e na que incidiu na importancia desta pioneira iniciativa para a atracción en Ano Santo “de perfís de visitantes, turistas e peregrinos que foxen da masificación e buscan alternativas diferentes, e as Rutas Connexio están pensadas como un traxecto con paradas en espazos para a reflexión no Camiño Primitivo, que é Patrimonio da Humanidade”.

As rutas amosan os traballos de seis creadores de arte contemporáneo, expostos en seis templos do Camiño Primitivo, intervencións que foron as gañadoras da primeira convocatoria dos galardóns Connexio do Concello de Lugo, “que puxemos en marcha conxuntamente Concello e Bispado antes da pandemia para dinamizar o tecido artístico, empresarial e turístico de Lugo e a súa comarca, establecendo conexións entre os axentes culturais, a veciñanza e os peregrinos, parte activa do proxecto”, segundo Lara Méndez.

Neste premios presentáronse 220 artistas de todo o mundo cun fin: profundar e recuperar o Camiño como espazo de reflexión e faladoiro entre o medio natural, os seus habitantes e todos aqueles que o transitan como vén facendo desde hai séculos.

Interacción coa veciñanza

Nesta inspiración, os artistas gañadores  integraron nas súas obras elementos comúns das vidas dos veciños, achegándose ás súas realidades, creando sinerxías previas con eles, coñecéndoos e colaborando.

Neste senso, Álvaro Negro elixiu o granito negro na súa intervención; Estelle Jullian recorreu ao liño, que lembra ver cultivos e paisaxes; Rodríguez-Méndez utilizou no lenzo que creou aceite que lle entregaron os integrantes da Confraría do Carme como aglutinador de devocións e materia experimental; Juan López reinterpretou os sons que outrora regularon tempos e traballos; Ainara LeGardon utilizou a acústica e historia do espazo como materia prima para elaborar unha peza, e Jesús Otero-Yglesias actualizou a visión dos obxectos da vida cotiá.

Ás relacións coa súa contorna, sumáronse as riquezas da arte sacro das igrexas seleccionadas: Santa María en Gondar; Capela do Carme; San Xóan Alto; San Vicente en Burgo; San Miguel en Bacurín;  e San Pedro de Abaixo en Mera.

A rexedora explicou que “as restricións sanitarias impediron que puidésemos realizar unha presentación destas obras con anterioridade, e agora as retomamos para crear e potenciar as Rutas Connexio, que inclúe itinerarios cara a Lugo onde os visitantes poidan participar destas reflexións ao mesmo tempo que viven a experiencia do Camiño Primitivo, que é o primeiro Camiño coñecido, e descubrir as riquezas naturais do noso municipio, o único que inmerso na súa totalidade na Reserva da Biosfera Terras do Miño”.

Nestas rutas, os peregrinos, turistas e visitantes poderán coñecer as obras, pero tamén como se desenvolveu o proceso creativo grazas aos códigos QR que se instalaron nas igrexas para este fin. Ademais, poderán coñecelas a través de visitas guiadas, da man dun guía expertos da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, que realizarán visitas durante os meses de xuño, xullo e agosto.

Na presentación, a alcaldesa estivo acompañada de César Carnero, delegado episcopal de Patrimonio histórico-artístico e os concelleiros Ana Abelleira, de Desenvolvemento Local e Emprego, e Mauricio Repetto, edil de Xuventude.

Pola súa banda, Cesar Carneiro, delegado de Patrimonio histórico-artístico e director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo puxo en valor o proxecto e lembrou a importancia que lle deron os os artistas de “atopar unha oportunidade para expresarse nestes momentos tan duros de pandemia para o seu sector”.

Vídeo

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Connexio no FITUR (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Connexio no FITUR (II) | Descargar mp3
  • O delegado episcopal de Patrimonio histórico-artístico, César Carnero, sobre o Connexio no FITUR | Descargar mp3

Noticias relacionadas