Lara Méndez presentará ao empresariado de Cataluña a estratexia Lugo Transforma, con motivo dos festexos do San Froilán de Barcelona

A rexedora participará na 27 edición desta cita que se celebra no distrito de Nou Barris, lugar de residencia de miles de galegos afincados na Cidade Condal.

Lara Méndez: “Esta é unha magnifica ocasión para dar a coñecer os atractivos da nosa cidade e para estreitar lazos de amizade e unión entre Lugo e Barcelona”.

Os actos, que darán comezo este venres, continuarán mañá co saúdo da alcaldesa aos organizadores e participantes, e o domingo haberá unha xornada empresarial.

Venres, 01 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presentará ao empresariado de Cataluña a estratexia Lugo Transforma, con motivo dos festexos do San Froilán de Barcelona

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participará esta fin de semana na 27 edición do San Froilán catalán, que terá lugar no distrito barcelonés de Nou Barris, lugar de residencia de miles de galegos e lucenses afincados na Cidade Condal, organizada pola Asociación Cultural Amigos de San Froilán, coa colaboración do Concello.

A cita dará comezo hoxe co acto de inauguración, acompañado da lectura do pregón e o izado da bandeira galega. Mañá, sábado, durante a presentación a cargo das autoridades, ás 21:00 horas, a rexedora lucense saudará aos organizadores e participantes; mentres que o domingo terá lugar, a partir das 10:30 horas, un encontro empresarial, coa participación, entre outras, da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aegacat).

Durante esta xornada, Lara Méndez presentará ao empresariado a Estratexia Lugo Transforma, co obxectivo de difundir o calado do investimento municipal, o maior da historia do Concello de Lugo e captar o interese do sector para promover a súa participación neste fondo de capital.

Serán 12 millóns de euros, cos que o executivo municipal busca promover a diversificación industrial e atraer novos negocios, creando emprego de calidade en sectores estratéxicos polo seu alto impacto social e medio ambiental, en consonancia co modelo de cidade verde que está a potenciar Lara Méndez, impulsando a marca Lugo sostible, que xa ten acadado importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional. Deste xeito, a alcaldesa explicará os avances de Lugo como cidade impulsora do deseño das urbes sostibles do futuro.

A rexedora explicou que “esta é unha magnifica ocasión para dar a coñecer os atractivos da nosa cidade e para estreitar lazos de amizade e unión entre Lugo e Barcelona”. Neste senso, Lara Méndez puxo en valor e agradeceu o traballo que leva a cabo a Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona para “difundir a nosa cultura e tradicións, reproducindo á perfección o estilo popular e folclórico destas festas”.

Despois da edición “de mínimos” do ano pasado por mor da COVID-19, este ano o certame volve, con todas as precaucións, ao formato habitual -será necesaria reserva previa e gozar dos espectáculos desde o asento- ao Nou Barris barcelonés, do venres 1 ao domingo 3 de outubro, organizado pola Asociación Cultural Amigos do San Froilán de Barcelona.

Esta celebración, nacida no ano 1995 grazas ao esforzo de tres empresarios lucenses residentes en Barcelona, tense convertido en cita obrigada no calendario festivo da Cidade Condal, non en balde, trátase das festas máis importantes de Barcelona, despois das tradicionais da Merced.

Noticias relacionadas