Lara Méndez presenta un plan para erradicar o fibrocemento nas canalizacións de auga nas rúas con maior número de avarías

A área de Medio Ambiente destinará este ano 1’2 millóns de euros a 7 proxectos de intervención que afectarán a 250 acometidas da rede de abastecemento

As actuacións, que inclúen tamén a renovación completa do pavimento das beirarrúas, se executarán en 14 vías da cidade nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda

Álvaro Santos indicou que o prazo de execución dos traballos oscilará entre 1 e 7 meses, en función da envergadura das obras e do número de inmobles aos que afecte

“Trátase de mellorar a calidade dos servizos públicos, de facelo apostando por infraestruturas máis sostibles e eficientes, optimizando a prestación”, sinalou a rexedora

Luns, 21 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta un plan para erradicar o fibrocemento nas canalizacións de auga nas rúas con maior número de avarías

Actualmente só o 6% das canalizacións da traída municipal conteñen fibrocemento. Unha substancia que, pese a non conferirlle ningún tipo de toxicidade á auga, nin de entrañar perigo algún para a saúde pública, resulta contaminante na súa manipulación e dificulta a resolución das avarías que se producen na rede porque esixe de equipos e dun aparataxe específico que, ás veces, condiciona a axilidade de resposta na súa reparación.

Co obxectivo de erradicar a presenza deste material, o executivo de Lara Méndez, vén de anunciar hoxe un investimento superior a 1’2 millóns de euros a través do cal a área de Medio Ambiente procederá, de forma inmediata, á substitución destas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade.

“Trátase de mellorar os servizos públicos, de facelo apostando por infraestruturas máis eficientes e de incrementar a calidade da prestación que xa se dá”, afirmou a alcaldesa. “De maneira que, coa eliminación do fibrocemento acadaremos varios propósitos: ter unha rede de abastecemento máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo do concello, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”.

Lara Méndez avanzou que, en total, se actuará sobre 250 acometidas e se substituirán 4.080 metros de tubaxes, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda.

“Estas intervencións terán lugar naqueles puntos da cidade onde se acumula un maior número de avarías con orixe, principal e precisamente, en seren as conducións de fibrocemento, moito máis sensibles aos contrastes climatolóxicos, con maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Falamos de que nos últimos catro anos a Brigada Municipal de Augas realizou, a lo menos, unhas 60 reparacións con esta casuística, que obrigaron á mobilización de recursos, que supuxeron un gasto e que ocasionaron trastornos á veciñanza sen eliminar definitivamente a xénese da problemática. Xusto o que pretendemos acadar agora”, sinalou a rexedora.

Así, Méndez trasladou que, dende a área de Medio Ambiente se estableceu un cronograma para programar a execución destes proxectos que se levarán a cabo, en concreto, nas rúas Bataneira e Figueira (onde tamén se restaura a rede de saneamento), que xa saíu a licitación o pasado 2 de decembro; en Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, na marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e en boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara. A apertura dos concurso para todos estes proxectos terá lugar esta mesma semana logo da súa autorización na Xunta de Goberno do mércores.

“De maneira que entre xaneiro e xuño de 2021 se irán acometendo os traballos que comprenderán, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando, de forma integral, sobre estas vías”, sinalou.

“O montante económico destinado alcanza, no seu conxunto, os 1,2 millóns de euros dentro do que tamén figura a redacción do proxecto para o Grupo La Paz que pretendemos abordar durante o vindeiro exercicio, xa que este plan nace coa vontade de ter continuidade como así o reflicten os orzamentos municipais que se veñen de aprobar. A convicción deste goberno en prol da sostibilidade é máxima como tamén o é o compromiso de mellorar os servizos públicos, de pular pola súa eficiencia e de investir con rigor, para que, precisamente sexa iso, un investimento e non un gasto”, subliñou a alcaldesa.

Xa para rematar, Lara Méndez contextualizou a magnitude dos traballos sinalando que acapararán a consignación de máis do 10% da partida destinada a investimentos reais nos presupostos en vigor.

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, deu conta de forma máis detallada do alcance que terán cada unha das intervencións previstas, indicando que o seu prazo de execución oscilará entre 1 e 7 meses en función da envergadura das obras e o número de acometidas ás que afecte, que van dende as 4 no caso de Escultor Asorei, ata ás 96 da Cheda.

“A nosa intención é renovar por completo a cartografía do abastecemento en Lugo, eliminando progresivamente a presenza de fibrocemento na mesma e contribuíndo, así, a mellorar a xestión integral do ciclo da auga – subliñou. Contamos cunha das mellores plantas potabilizadoras de toda Europa, cunha depuradora excelente, como así se demostra na organoléptica da subministración e, dende este ano, dispoñemos tamén dun servizo capaz de atender inmediatamente, durante as 24 horas do día, os 7 días da semana, calquera incidencia que se produza tanto na rede de distribución como na de saneamento. Porque a nosa prioridade – concluíu – non é outra que a de optimizar a prestación e ofrecela nas mellores condicións posibles ás e aos usuarios”.

Resumo das intervencións programadas

Localización

Orzamento

Nº de Acometidas

Prazo Execución

Rúas Bataneira e Figueira

105.139’49 €

15

3 meses

Rúa Armórica

266.601’24 €

40

6 meses

Rúa Rei don García

132.546’69 €

27

4 meses

Avenida Marqués de Ombreiro

129.055’25 €

35

3 meses

Barrio da Cheda

354.100’21 €

96

3 meses

Rúa Aviación Española

230.577’65 €

33

7 meses

Rúa Escultor Asorei

17.024’49 €

4

1 mes

Redacción do Proxecto do Grupo La Paz

18.053’20 €

   

TOTAL

1.253.098’02 €

   

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a substitución do fibrocemento | Descargar mp3
  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a substitución do fibrocemento| Descargar mp3

Noticias relacionadas