Lara Méndez presenta un libro sobre a historia do Parque Rosalía e anima á mocidade “a coñecela mellor para amalo e protexelo”

A obra, moi ben documentada, está escrita polo historiador Adolfo de Abel Vilela e percorre a memoria centenaria desta xoia verde da cidade, contextualizándoa na historia lucense.

A rexedora anuncia que o día 13 se celebrarán os primeiros actos polo aniversario do parque, que incluirá unha visita guiada, unha exposición, música e unha merenda saudable.

O autor sostén que “non é un manual de consulta para eruditos, senón para que os veciños e veciñas de Lugo poidan lelo comodamente, denso pero cheo de curiosidades”.

O Concello leva a cabo un plan de recuperación do parque, nunha primeira fase, e inclúe unha segunda, de preto de 300.000 euros, no novo prego de mantemento das zonas verdes.

Venres, 09 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta un libro sobre a historia do Parque Rosalía e anima á mocidade “a coñecela mellor para amalo e protexelo”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe no Salón de Plenos da Casa Consistorial o libro ‘O Parque de Rosalía de Castro: o centenario da súa creación’, obra escrita por un dos grandes historiadores de Lugo, Adolfo de Abel Vilela. Xunto a eles estaba a imaxe do rexedor Angel López Pérez, impulsor da creación deste zona verde en 1921, así como numeroso público.

“Esta é unha das grandes publicacións pendentes, e moi necesaria porque é necesario dar a coñecer mellor á cidadanía a rica historia deste parque e do patrimonio que contén”, destacou Lara Méndez. “Ademais, é un libro que recomendamos ler ás novas xeracións, porque a mocidade debe ser consciente de que tamén é a súa obriga o coidado deste espazo único en Galicia. Deben coñecelo e amalo, para logo participar activamente na súa protección. O seu desfrute debe ir, si ou si, vinculado coa salvagarda do importante patrimonio natural e artístico que atesora”, aseverou.

O libro, editado polo Concello de Lugo con motivo da celebración do centenario, recolle a historia do parque e ensalza a figura e obra de Angel López Pérez, quen promoveu e executou algúns dos grandes proxectos pendentes na cidade desde finais do S XIX. “Unha marabilla escrita polo historiador Adolfo de Abel Vilela que percorre a memoria e os fitos deste parque, así como as primeiras protestas polo lugar elixido” explicaba a alcaldesa. A obra, moi ben documentada contextualiza a súa creación nun momento histórico e artístico concreto, e nos leva por un apaixoante percorrido social, económico e político do Lugo de principios do século XX.

‘O Parque de Rosalía de Castro o Centenario da súa creación’ non é un manual de consulta para eruditos, senón para que “os veciños e veciñas de Lugo poidan lelo comodamente, sen textos densos pero cheo de curiosidades. A finalidade é a de facer gozar da historia aos lectores desde as súas casas a través deste libro, xa que Lugo alberga numerosos enclaves simbólicos e máxicos para a cidadanía, de gran riqueza patrimonial, histórica e natural, pero poucos son capaces de transmitir ao mesmo tempo unha carga emocional e identitaria coa forza coa que o fai o parque de Rosalía de Castro” explicaba o autor ao tempo que agradecía a colaboración la alcaldesa nesta primeira edición.

A presentación da obra de Adolfo de Abel de Vilela, complementase con máis actuacións previstas para o vindeiro martes, dentro das actividades programadas con motivo do Centenario, entre as que se inclúen a inauguración dun monolito que estará ubicado na entrada principal do parque, unha visita guiada polos puntos de interese arquitectónico, a cargo de Adolfo de Abel Vilela, unha merenda saudable na zona parque infantil para todos os veciños e veciñas de Lugo e, para finalizar a xornada, unha actuación de Foolmakers, que darán un concerto no templete.

Dende o Goberno estase a levar a cabo un plan de mellora do Parque, que non só inclúe a súa recuperación senón tamén a instalación de placas que identifican tanto a súa riqueza botánica como a dos seus monumentos. E só unha primeira fase de actuación, porque no novo prego de mantemento de zonas verdes que o Concello de Lugo acaba de sacar a licitar contemplan unha partida de preto de 300.000 euros para unha segunda fase.

Adolfo de Abel

Licenciado en Xeografía e Historia, na especialidade de Arte Moderna e Contemporánea e doutor en Xeografía e Historia, ten unha longa traxectoria como formador e como historiador.  É ademais, académico Correspondente da Real Academia da Historia desde 1994. Ten publicados 28 libros e máis de 700 artigos sobre a historia e arte da cidade de Lugo, e colaborou con outros autores en 26 libros.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o libro do "Parque Rosalia" | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez presenta un libro sobre a historia do Parque Rosalía e anima á mocidade “a coñecela mellor para amalo e protexelo”

Noticias relacionadas